EPA: Galiza é o segundo territorio onde máis descende o emprego

O número de persoas ocupadas no cuarto trimestre de 2018 caeu en 8.400, unha cifra superada só por Illes Balears. Os sindicatos alertan da perda da poboación activa e da temporalidade "insostíbel".

Desemprego

Galiza é o segundo territorio do Estado onde no último trimestre de 2018 maior descenso houbo no número de persoas ocupadas: 8.400. Un descenso de 0,76% mentres que no conxunto español neses mesmos meses as persoas ocupadas aumentaron en 0,2%. Só Balears supera Galiza en canto a maior descenso en emprego nos últimos tres meses do ano.

Este cuarto trimestre varía pois o rumbo dos outros tres, onde o número de persoas ocupadas aumentara. De feito, e no cómputo anual, a poboación ocupada en Galiza aumentou en 3%, a un nivel semellante ao rexistrado no conxunto do estado.

No que atinxe á actividade (poboación ocupada máis a que está desempregada) esta descendeu en 12.400 persoas no último trimestre. O número de persoas no paro é, segundo a EPA, 148.900 persoas.

Para a CIG, nin con creación nin con destrución de emprego "fréase a sangría de perda de poboación activa en Galiza. O ano pasado, que segundo a EPA rematou con 24.900 persoas ocupadas máis de media, a perda de activos acadou as 4800 persoas; co agravante de que é entre a poboación máis nova onde se reduce, aumentando entre os maiores de 40 anos, o que está a provocar un novo envellecemento do mercado laboral". 

CCOO de Galiza asegura que os datos da EPA  evidencian unha "temporalidade insostible". A organización sindical afirma que a precariedade "alimenta a perda de poboación activa", pois as condicións de traballo "non son atractivas" para configurar proxectos de vida.

Comentarios