EPA: Galiza é o territorio do Estado onde máis aumenta o paro

O primeiro trimestre do ano deixa 15.700 persoas máis no desemprego, a cifra máis alta entre todos os territorios.

Oficina de emprego, paro foto de arxina
photo_camera Oficina de emprego (Foto: Arxina)

O maior aumento do paro no Estado español no primeiro trimestre de 2020 foi na Galiza, onde se incrementou en 15.700 persoas. Un moi mal dato que deixa a Enquisa de poboación activa (EPA) e que se deu a coñecer esta quinta feira. Ese aumento é moi superior ao segundo territorio con peor rexistro, Castela e León, onde o paro subiu en 9.900 persoas.

Entre xaneiro e marzo o paro disparouse en 11% a respecto do trimestre anterior, moi por riba da media no estado español, onde o paro descendeu en 1,7%. Se a comparativa a establecemos co mesmo trimestre de 2020, vemos como o desemprego aumentou na Galiza en 0,97% mentres que no conxunto do Estado español descendía en 10%.

A taxa de paro sitúase en 13%, un 1,3% máis que no trimestre anterior e un 0,4 % máis que hai un ano

Outro mal dato: continuamos a perder poboación activa. Tiñamos 1.218.100 persoas activas no primeiro trimestre deste ano, o que supón que perdfemos 5.500 a respecto da EPA anterior (a que abranguía os meses de outubro a decembro de 2020) e perdemos case 22.000 se comparamos con hai un ano. A taxa de actividade sitúase 5 puntos por baixo da media española: 52% fronte a 57%.

Tampouco convida ao optimismo o que esta Enquisa de poboación activa nos indica sobre a poboación ocupada, Desde o anterior trimestre o número de persoas ocupadas descendeu en máis de 21.000. Así pois, no primeiro trimestre destruíronse 21.200 empregos na Galiza,. O retroceso galego é do 1,96%, máis do dobre que no Estado (-0,71%), onde se perderon 137.500 empregos.

Dentro dos datos de ocupación están incluídos os traballadores e traballadoras en ERTE na Galiza, mecanismo que ao remate de marzo daba cobertura a 34.759 persoas (2867 por causas técnicas ou organizativas, 5956 de forza maior e 25 936 nos de limitación ou impedimento). 

Por sectores, o descenso da ocupación no primeiro trimestre en termos absolutos está liderado pola industria (5.800 empregos menos); seguido polos servizos (-5.600) e a construción (-5.300). A redución no sector primario foi de 4.400.

Respecto ao primeiro trimestre do pasado ano, a industria perdeu na Galiza 22.700 empregos.

O número de persoas no desemprego na Galiza está en 158.300 persoas, o que supón unha taxa de paro no 13%, un 1,3% máis que no trimestre anterior e un 0,4 % máis que hai un ano. Porén, mantense tres puntos por baixo da media estatal.

Comentarios