EPA: 126.700 persoas no paro na Galiza

A Enquisa de Poboación Activa do terceiro trimestre rexistra un descenso de 25.000 desempregadas desde o anterior estudo.

Desemprego
photo_camera Imaxe de aqruivo

A EPA, Enquisa de Poboación Activa, correspondente ao III trimestre deste ano sinala que na Galiza hai 126.700 persoas no paro e a cifra de ocupadas é de 1.112.500.

A taxa de paro está por baixo da española, 10,23% fronte a 14,5%, mais tamén o está a taxa de actividade, que mide a poboación economicamente activa: 52,94 na Galiza e 63,19 no Estado.

O paro baixou en 127.100 persoas no terceiro trimestre do ano no Etado, o que supón un 3,6% menos que no trimestre anterior, rexistrando así o seu maior descenso nun terceiro trimestre desde o ano 2018, cando o desemprego diminuíu en 164.100 persoas.

Pola súa banda, a ocupación superou por primeira vez desde o cuarto trimestre de 2008 a cifra de 20 millóns de traballadores tras crearse nos meses de verán 359.300 empregos, un 1,8% máis que no trimestre anterior.

Fogares

O número de fogares galegos en que todos os seus membros activos están en paro diminuíu en 12.000 unidades e sitúase en 46.100 no terceiro trimestre, segundo os datos que publica este xoves o Instituto Galego de Estatística (IGE) relativos á Enquisa de Poboación Activa (EPA).

Respecto ao terceiro trimestre de 2020, esta tipoloxía de fogares reduciuse un 13,3%. Pola súa banda, os que teñen a todos os seus membros activos ocupados aumentan en 29.900, até 642.600.

En relación co mesmo trimestre do ano anterior hai 34.800 fogares máis con tose os seus membros ocupados, o que supón un incremento do 5,7% en termos relativos.

En canto aos mozos, dos 321.200 que teñen entre 16 e 29 anos, 121.800 (o 37,9%) están ocupados, 34.000 (o 10,6%) parados e os 165.300 (o 51,5%) restantes son inactivos.

Comentarios