Análise

O engano da reforma das pensións

A economista Natividad López Gromaz analiza para 'Nós Diario' a reforma das pensións.
Numerosas persoas teñen que esperar días ou semanas para ser atendidas por enfermidades agudas (Foto: Álex Rozados).
photo_camera Numerosas persoas teñen que esperar días ou semanas para ser atendidas por enfermidades agudas. (Ilustración: Álex Rozados)

Novamente estamos ante unha inminente reforma do sistema público de pensións. Aínda non se coñecen con precisión cales van a ser as modificacións concretas a implantar, pero alongar os anos do período utilizado para calcular a base reguladora, parece unha das de máis posible implantación. Falta saber canto vai ser este incremento.

Aumentar este período foi unha constante en case todas as reformas que foi sufrindo o sistema de pensións no Estado español. Desde os 2 anos que se tiñan en conta a principios dos oitenta, ata os 25 que se utilizan na actualidade.

Un período de cálculo longo prexudica especialmente ás persoas traballadoras que non teñen unha vida laboral estable. Aquelas persoas que van combinando períodos de traballo con períodos de desemprego, que teñen contratos temporais ou que non traballan a xornada completa son as que, ao final da súa vida laboral, teñen menos anos cotizados.

Nesta tesitura atópanse unha parte importante das e dos traballadores galegos, pero son as mulleres as máis prexudicadas, xa que se ven abocadas a unha vida laboral moito máis precaria que os homes.

77,3% das excedencias por coidado de dependentes foron de mulleres

Son varios os motivos que levan a esta situación: traballos peor pagados, teito de cristal..., pero os coidados dos familiares menores ou dependentes, son moi determinantes.

É de sobra coñecido que a masiva incorporación da muller ao traballo fóra do fogar non veu acompañada, nin da incorporación dos homes ao traballo no fogar, nin da creación dunha infraestrutura social que o facilitara. Ante isto, moitas mulleres non puideron, ou non poden, traballar fóra do fogar,- o 87% das persoas inactivas por coidado de menores ou persoas dependentes en Galiza son mulleres-, e outras moitas, fano en condicións precarias para poder simultanear ambos labores.

Á maior taxa de temporalidade que sofren as mulleres (4 puntos porcentuais máis que os homes), á preeminencia nas xornadas a tempo parcial (o 79% das persoas con traballos a xornada parcial en Galiza son mulleres. O 23% das mulleres traballadoras teñen este tipo de xornada, fronte ao 6% dos homes) hai que engadir as excedencias e reducións por coidados de dependentes: 

—O 77% das persoas traballadoras con redución de xornada por coidado de menores de 12 anos son mulleres.

—O 91,6% das persoas que se acolleron a unha excedencia por coidado de fillos ou fillas foron mulleres.

—O 71,2% das persoas que reduciron ou suprimiron traballo remunerado por coidado de dependentes foron mulleres.

—O 77,3% das excedencias por coidado de dependentes foron mulleres.

En resumo, o coidado das persoas dependentes recae, practicamente en exclusiva, sobre as mulleres, o que ten un efecto directo na súa vida laboral e, en maior media, unha vez rematada esta, na xubilación.

Ao longo da vida laboral esta desigualdade reflíctese claramente na fenda salarial de xénero que, de media, nos últimos anos, a podemos situar no entorno  do 22%; pero onde realmente amosa a súa peor faciana é chegada a xubilación, onde, a fenda de ingresos se sitúa por encima do 34%. A menor base de cotización e o menor número de anos cotizados explican esta diferenza.

No que atinxe á diferenza de anos cotizados - segundo os últimos datos extraídos da Mostra continúa de Vidas laborais do ano 2020 - aos 65 anos, de media, as mulleres teñen 11 anos cotizados menos que os homes, diferenza que se empeza a xestar nos primeiros anos da vida laboral. Entre os e as menores de 25 anos a diferenza xa é de un mes.

As menores bases de cotización son a outra parte do problema. Neste caso xa a diferenza é importante nos primeiros anos da vida laboral: se, de media, á hora da xubilación a diferenza é de preto de 400 euros mensuais, xa entre as menores de 25 anos a base de cotización é 200 euros inferior á dos homes da mesma franxa de idade. Así, á hora da xubilación a diferenza da pensión é alarmante.

Incrementar os anos cotizados para o cálculo da base reguladora da pensión, non fai máis que reducir as pensións en xeral, e as de aquelas persoas con menos anos cotizados, en particular, xa que cantos menos anos cotizados máis lagoas de cotización presentan. As lagoas de cotización, os anos non cotizados, intégranse na base reguladora  coa base mínima de cotización de entre todas as existentes nese momento, as primeiras 48 mensualidades, e co 50% de dita base mínima o resto das mensualidades que falten por cotizar.

Así as persoas que están nunha situación máis precaria, van ser as máis prexudicadas, nomeadamente as mulleres. E isto non se corrixe cun complemento para a redución da brecha de xénero como o existente na actualidade de 28 euros mensuais por fillo, cun máximo de catro fillos, cando a fenda está preto dos 400 euros mensuais.

Comentarios