Enaire acusa dúas representantes da CIG de acosar outras compañeiras

O sindicato rexeita esta afirmación e a intención do xestor da navegación aérea no Estado español de sancionar ás dúas delegadas do aeroporto Rosalía de Castro (antigo Lavacolla). Ve a declaración “absurda” e lembra que na compañía se produce “unha vulneración sistemática dos dereitos sindicais”. Dáse a circunstancia de que a CIG denunciara unha vulneración dos dereitos lingüísticos pola nula atención ao galego.

Rolda de prensa sobre os problemas no seo de Enaire. (Foto: CIG) #enaire #lingua #galego #cig #acosolaboral #sindicato #aeroportos #delegadas #laboral
photo_camera Rolda de prensa sobre os problemas no seo de Enaire. (Foto: CIG)

A CIG irá con toda a súa “contundencia” contra Enaire se o xestor da navegación aérea en España sanciona a dúas sindicalistas ás que acusa de incorrer nun “acoso laboral ascendente”. En contraposición, a entidade lembra que só topou con “impedimentos” para facer o traballo de representación laboral e alude a episodios como o da vulneración dos dereitos lingüísticos no aeroporto Rosalía de Castro, o antigo aeródromo de Lavacolla.

O secretario comarcal da CIG en Compostela, Pepe Maio, e o representante da FGAMT-CIG da comarca, Inácio Pavón, así como outros representantes da central sindical saíron a rexeitar “radicalmente a acusación de acoso laboral ascendente de Enaire contra as súas representantes sindicais”.

Nunha rolda de prensa convocada para esta sexta feira, Maio advertiu de que se o xestor da navegación aérea insiste nas acusacións e sanciona as traballadoras van responder con “contundencia”. De feito, xa está previsto emprender accións legais.

Polo de agora non chegou a sanción mais si se abriu expediente contra dúas compañeiras porque Enaire abriu expediente contra dúas traballadoras, delegadas da central sindical até hai días, “segundo a empresa 100% pública dependente do Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana, terían acosado ás súas responsables no departamento de recursos humanos”.

Pavón, que falou de ver “o mundo ao revés”, ve esta cuestión “absurda”. Foi máis aló ao avisar de que se trata dunhas afirmacións por parte de Enaire que revisten “extrema gravidade” e que poderían rematar nun despedimento.

"Vulneración de dereitos sindicais"

A CIG liga esta suposta persecución das súas delegadas a que se produciu unha “vulneración sistemática de dereitos sindicais desta central sindical, o que é tamén unha vulneración dos dereitos de todos os traballadores e traballadoras desta empresa no centro de traballo” de Compostela, neste caso do aeroporto.

O representante da formación en AENA, Pablo de Prado falou dalgúns deses episodios, entre os que destacou a “falta de información” sobre os protocolos de protección e limpeza contra a Covid-19. Enaire xustificouse porque os escritos pedindo esa colaboración “estaban en galego”.

“Unha vulneración de dereitos lingüísticos que tamén tivo a Inspección de Traballo que requirir a Enaire que cesara e que aceptara os escritos no noso idioma, en xuño de 2020, e que lonxe de mudar aumentou, até o punto do total silencio ante a nosa actuación sindical”, subliñou.

A compañía tampouco aceptou, segundo De Prado, crear un protocolo de defensa fronte o acoso laboral aló por 2019. Ademais, falou da aparente discriminación que existe cara as persoas agora afectadas “como mínimo desde 2012, cando as acusaron de apoiar o conflito do colectivo de controladores aéreos e lles retiraron funcións e responsabilidades no seu departamento sen investigación ou procedemento algún”.

Así, desde a central opinan que o expediente actual está “cheo de mentiras” e é “absolutamente parcial” coa intención de danar as dúas operarias. Neste sentido, volveron advertir de que actuarán con forza no caso de que se rescindan os seus contratos.

Comentarios