xoves 28/01/21

As empresas xustificarán ante Facenda as dietas exentas de IRPF

Un recurso de casación interposto por un veterinario de gandería galego resolveuno de maneira positiva o Tribunal Supremo (TS).
Sede do TSXG na Coruña (Foto: Xoán Roberes)
Sede do TSXG na Coruña (Foto: Xoán Roberes)

O Tribunal Supremo, nunha sentenza do pasado mes de decembro, sinala que a empresa ou empregador é quen ten que acreditar diante de Facenda dos desprazamentos e gastos de manutención e estancia para os efectos da súa non suxeición ao imposto sobre a renda das persoas físicas (IRPF) do seu persoal. Polo tanto a Administración non deberá dirixirse á empregada ou empregado por este motivo.

A sentenza tivo lugar após un recurso de casación interposto por un veterinario de gandería galego por mor dunha reclamación económico-administrativa diante o Tribunal Económico-Administrativo Rexional (TEAR) polas liquidacións do IRPF de dous anos.

Na reclamación que presentou aseguraba que traballaba nunha empresa de servizos técnicos de reprodución e veterinaria en ganderías de leite de vacún. Polo seu tipo de labor tiña que realizar continuos desprazamentos ás explotacións onde desenvolve o seu traballo. 

Por esta circunstancia, na empresa acostumábase facer as comidas no seu horario de traballo continuo, durante o tempo estritamente necesario e á hora que estimen conveniente en función da dispoñibilidade de traballo diario nas granxas. 

Solicitar datos que xa ten a Administración 

Desde o TEAR argumentábase que o traballador non probou cumprir a súa xornada laboral e o horario do servizo polo que tiña que dar conta da percepción da dieta diaria que percibía a diario. Diante desta idea, o Supremo indica que as conclusións sobre os desprazamentos, horarios e xornada laboral fan recaer sobre o contribuínte a proba da realidade do desprazamento e a vinculación do desprazamento co desenvolvemento da actividade. 

A sentenza asegura que "non corresponde ao empregado probar a realidade dos desprazamentos e os motivos dos gastos" indicando que "a Administración non podía solicitar do contribuínte aqueles documentos e, con eles, os datos que obraban xa no seu poder" chegando a conculcar a lei "cando chega á conclusión de que o contribuínte non acreditou a realidade do desprazamento nin o motivo nin razón do desprazamento".

O Supremo remata sinlando a "interpretación incorrecta" por parte do Tribunal Superior de Xustiza da Galiza do ordenamento xurídico.

comentarios