A empresa denunciada por explotación segue enviando persoal a Alemaña

A compañía fora denunciada hai uns meses por abandonar operarios nese país e incumprir as condicións pactadas na Galiza.
Algúns dos operarios que denunciaron á empresa Camsoar S.L xunto a Xaquín Agulla da CIG (primeiro pola dereita). (Nós Diario)
photo_camera Algúns dos operarios que denunciaron á empresa Camsoar S.L xunto a Xaquín Agulla da CIG (primeiro pola dereita). (Nós Diario)

Camsoar S.L, a empresa denunciada por fraude e abandono duns traballadores en Alemaña, segue a enviar operarios galegos a ese país. Segundo a CIG, un novo grupo foi desprazado para a instalación de fibra óptica en zonas rurais, a mesma tarefa obxecto das queixas desde a central nacionalista que consideran "unha estafa" ofrecer condicións vantaxosas que logo incumpren no destino. 

"Usan a picaresca", explica a Nós Diario Mario Maceiras, responsábel de Negociación Colectiva da CIG-Construción. Indica que coas actuais circunstancias económicas e a falta de emprego non é difícil atopar estes casos. "Esta empresa non era habitual da construción e quixo aproveitarse ao saber deste tipo de operacións con Alemaña". Para "captar" operarios empregan as redes sociais de traballadores  "galegos, peruanos e algún senegalés que se contactaban, máis que anuncios directos nas redes sociais", asegura Maceiras.

Camsoar S.L. nace en agosto de 2020, pouco antes de enviar os traballadores a Alemaña, cun capital de 3.000 euros. Obtén a subcontrata a partir da empresa con sede en Alacant, Verne Technology Group, para a instalación de cable de fibra para a multinacional Nokia. A empresa galega, cons sede en Poio, ofreceu a 14 traballadores un salario de 3.500 euros mensuais ademais doutras condicións vantaxosas que logo incumpriu. 

Infravivenda e condicións inasumíbeis

Os traballadores afectados no seu momento explican que a propia viaxe a Alemaña estivo inzada de incidentes. Sen asinar ningún contrato, partiron sen cobrar un adianto de 500 euros que les prometeron e cunha única cantidade de 350 euros para cubrir os gastos da viaxe de todos que se acabou ao entrar en Francia. Unha vez en Alemaña o aloxamento, segundo explican, era unha "infravivenda" sen condicións de habitabilidade nin salubridade.

Ademais os obxectivos impostos pola empresa sinalan que eran "inasumíbeis" polo que sospeitaron que a intención de Camsoar era realizar un despedimento "por baixo rendemento". Cando se decataron do problema os operarios contactaron con Maceiras que a través da CIG e o BNG en Alemaña conseguiron facilitar o retorno dos traballadores que quixeron volver.

Denuncias e detención con 38.000 euros en efectivo

A mediados de xaneiro o xornal Atlántico publicaba a detención da parella sentimental da administradora única desta empresa de Poio. Segundo a denuncia policial levaba oculto no seu vehículo droga e 38.000 euros en efectivo.

"A propia policía achegouse ao noso local para interesarse pola nosa denuncia ao coincidir a importe da débeda aos traballadores coa cantidade que lle atoparon en metálico", explica o sindicalista da CIG para o que "todo está relacionado". Diante destas circunstancias a CIG prepara unha denuncia diante do Xulgado do Social e da Fiscalía de Pontevedra ao ter constancia de que a empresa continúa actura da mesma maneira. "Xa hai actuacións nas inpeccións de traballo na Galiza e en Alemaña, así como na propia embaixada", asegura Mario Maceiras.

Recomendacións contra as falsas ofertas de traballo

A CIG está a detectar unha alarmante proliferación nas redes sociais de anuncios de falsas ofertas de emprego tanto na construción como noutros sectores. Entre outras recomendacións aconsellan contestar só anuncios das propias empresas ou das súas plataformas de contratación, así como sospeitar das ofertas con salarios moi altos por postos sen cualificación, de escasas horas ou traballando desde casa.

Comentarios