Emprender na Ribeira Sacra-O Courel

O Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra-O Courel busca pequenos proxectos que revirtan o cada vez máis evidente descenso da poboación nesa zona. Contan co paraugas internacional de ter o único xeoparque galego e un orzamento ao que poden acceder sen moitas esixencias burocráticas.

Viñedos e soutos en Anguieiros  [Imaxe: Riobó Prada]
photo_camera Viñedos e soutos en Anguieiros [Imaxe: Riobó Prada]

O xerente do Grupo de Desenvolvemento Rural (GDR) Ribeira Sacra- O Courel, Martín Alemparte, é dos que cre que se lle pode dar a volta ao abandono do rural. Entre as súas tarefas está a de promover e incentivar a persoas e colectivos para que aposten por esta zona. Desde a creación deste organismo en 2016 os municipios de Bóveda, Monforte, Pantón, A Pobra do Brollón, O Saviñao, Sober, Quiroga, Folgoso do Courel, Ribas de Sil, O Incio, Samos, Triacastela e As Nogais saben que teñen un importante apoio técnico e económico para dinamizar o seu territorio. Ademais, desde abril deste mesmo ano tres deses concellos conseguiron o amparo da UNESCO coa constitución do xeoparque Montañas do Courel. Este recoñecemento é o primeiro a nivel galego e pasa a formar parte dos 140 que hai a nivel mundial. Intégrano Quiroga, Folgoso do Courel e Ribas de SilMartín Alemparte, xerente CDR Ribeira Sacra-O Courel [Imaxe: Riobó Prada]

Alemparte participa en numerosos encontros e conversas na procura de novos proxectos que dean vida ao cada vez máis despoboado interior do país. O pasado sábado 2 de novembro desprazouse ao lugar de Anguieiros en Montefurado (Quiroga) convidado pola asociación sociocultural 'Boca do Monte' para informar das importantes axudas que dispón polas achegas europeas para o rural. Os números do GDR Ribeira Sacra-O Courel na súa curta traxectoria no son menores. Desde 2016 aprobaron 72 proxectos, consolidando máis de 140 empregos e creando máis de 20 postos de traballo. O investimento total realizado foi de 3.783.156 euros.

“Levamos 20 anos dicindo que esta zona ten potencial mais non arranca e agora mesmo comezan a abandonarse as cabeceiras comarcais”, explica o xerente do GDR Ribeira Sacra-O Courel a un reducido auditorio con público da zona e tamén de fóra, “en 30 anos as vilas actuais pasarán a ser grandes aldeas por falta de poboación”.

A castaña como fonte de riqueza

Esta zona ten un grande potencial e é moi coñecida a nivel turístico logo dunha intensa promoción. Entre os produtos do agro que todos coñecemos está o viño, a castaña ou máis recentemente o aceite. Desde o GDR pensan que hai que incidir na castaña e explican as razóns. “No Courel hai 30.000 hectáreas de soutos nos que non se recolle a castaña e ao mesmo tempo, que paradoxo, os principais comercializadores de castañas na Galiza non atopan produto aquí.

A venda da castaña fresca ten o seu complemento coa castaña elaborada. Desta zona son empresas pioneiras como Courelor e Delicias do Souto que no seu día contaron con apoios do GDR para o seu impulso.

Desta zona son empresas pioneiras como Courelor e Delicias do Souto

Martín Alemparte pon números a este potencial económico que pode crear emprego nunha zona que tanto o necesita. “Estimamos que os ingresos por hectárea na recollida de castaña podería ser de 6.000 euros polo que con catro hectáreas podería vivir unha familia”. As dificultades virían polo acceso a eses soutos aínda que hai experiencias noutras zonas de cooperativas que convencen a propietarias e propietarios de que cedan os soutos por períodos temporais.

Axudas europeas

O GDR Ribeira Sacra-O Courel conta con achegas europeas específicas para proxectos relacionados con esta zona. O seu xerente explica que a media por proxecto é do 42% a fondo perdido do total do orzamento. “E non se están a gastar todas as axudas que temos para investimentos”.

Alemparte sinala que “nunca houbo tantas axudas” para introducirse no mundo do rural nesa zona. Conta unha experiencia piloto en Folgoso de Courel e Moreda onde se limparon os soutos e onde se realizou un inventario das diferentes propiedades. “Escolleuse eses lugares pola tradición que teñen de traballo en común e de traballar os soutos de xeito comunitario”.

O GDR Ribeira Sacra-O Courel conta con achegas europeas específicas

O acceso ás axudas non ten moita complicación burocrática e é o propio GDR quen se encarga de xestionalas.

"Iso si, quen veña ten que ter unha idea de que é o que quere e saber que ten que contar cun mínimo financiamento, a axuda que se dá non é para o total do orzamento".

O capital humano

“O principal problema na actualidade é o capital humano”, indica Martín Alemparte, “hai unha tendencia a buscar traballo na cidade e abandonar o rural”. Desde o GDR son conscientes de que hai moitas eivas para consolidar a poboación e non digamos para aumentala. As comunicacións, os servizos e até un maior apoio a nivel municipal para veciñas e veciños son algunhas delas. O contacto directo con alcaldes e alcaldesas permítelle ser tamén crítico. "Non todos os concellos axudan como deberían".

Comentarios