A 'feminización do traballo masculino' estreita a fenda entre mulleres e homes

O empeoramento das condicións laborais en termos xerais achega a realidade laboral entre mulleres e homes. Desde a CIG alertan de que a redución da fenda salarial ou a aproximación no número de desempregad@s devén da deteriorización do mercado laboral, non da mellora das condicións das mulleres empregadas. 

As Mariscadoras_luis seoane_1969
photo_camera 'As mariscadoras' de Luis Seoane (1969)

Con motivo do 8 de marzo a Secretaria de Mulleres da CIG presentou o seu informe intitulado “A muller no mercado laboral en Galiza en 2013”. No estudo presentado pola central sindical nacionalista, o "panorama desolador" que deitan os dados en materia de traballo son froito "da crise global" mais tamén, asegurou a súa secretaria confederal Margarida Corral, "das reformas de todo tipo" aprobadas polos gobernos da Xunta e Madrid. 

"O PP prexudica seriamente os nosos dereitos"

E é que no seu estudo, a Confederación Intersindical Galega (CIG), salienta a "a deterioración clara e palpábel do mercado de traballo e dos sistemas de protección social que o arroupaban". Un feito que, apuntan, é o resultado de decisións políticas coa que "os nosos gobernantes aproveitaron para implantar coa desculpa de crear emprego" mais que, no concreto, denuncian, o que se pretendía era empeorar as condicións laborais da clase traballadora. 

"En apenas 2-3 anos destruíuse o que levara décadas construír", afirman no informe presentado polo Gabinte técnico. Así, a redución dos salarios, o incremento das taxas de paro ou as taxas de ocupación, son moi semellantes para elas e eles. Un feito que estreita a fenda entre traballadores e traballandores mais, advirten desde a CIG, non porque as mulleres teñan mellores condcións de traballo senón pola "feminización do traballo masculino" porque, sinalan, "cada vez hai máis homes no desemprego, os salarios baixaron, os que acceden ao traballo fano en peores condicións...". 

As cifras estréitanse mais as condicións de traballo continúan a ser peores para elas

Neste senso, coincidindo co Día europeo da Igualdade salarial, aseguran desde a CIG, no noso país "reduciuse a fenda salarial en 2 puntos, mais a consecuencia da maior debacle da clase asalariada masculina". Para a central sindical, "esta pequena mellora foi apenas unha miraxe provocada pola saída do mercado dun número importante de homes con traballos cualificados e bos salarios" e non porque as operarias perciban mellores remuneracións salariais, todo o contrario, continúan a cobrar soldos notabelmente inferiores aos dos homes. 

Asemade, a precariedade e a temporalidade laboral continúan a atinxir de maneira máis dura ás mulleres entre as que o número de xornadas a tempo parcial aumentou en 7.300 fronte o descenso en máis de 25.000 das xornadas completas. Entre as razóns que levan ás traballadoras a facérense con esta modalidade contractual atópanse maioritariamente "o coidade de crianzas ou persoas adultas enfermas, incapacitadas ou maiores" e o feito de non poderen acceder a un traballo a xornada completa. "En ningún caso", subliñan desde a CIG, responde a unha decisión voluntaria ou opción persoal. 

Comentarios