A reforma laboral expulsou 100 mil moz@s galeg@s á emigración nos últimos 3 anos

100 mil moz@s emigraron nos últimos tres anos nun mercado laboral que destruíu 115 postos de traballo ao día en 2013. O Goberno de Núñez Feijóo presentou o seu último plan de emprego xuvenil sen apelar á grave crise demográfica e acusando a mocidade de ter "un défice de formación". 

oficina de emprego, CIG
photo_camera CC BY-NC-SA CIG-Avantar

O gabinete técnico da Confederación Intersindical Galega (CIG) publicou o informe sobre o mercado de traballo en Galiza para o ano 2013. Das conclusións que deita o estudo salienta un importante empeoramento das condicións de traballo no noso país e a destrución dun grande número de empregos no último ano. 

Desde a central sindical nacionalista, advirten que as "preocupantes" cifras recollidas nunha análise comparativa dos dados da EPA desde que estourou a crise en 2008 son, en boa medida, o resultado das sucesivas reformas laborais aprobadas polo goberno español e as políticas de emprego implementadas pola Xunta. 

A reforma laboral: 115 empregos destruídos ao día e peores condicións laborais

"Os dados son verdadeiramente demoledores", sinalou Miguel Malvido, secretario confederal de Emprego e Industria da CIG. E é que só en 2013 Galiza perdeu 115 postos de traballo ao día. Unha media que para o sindicato deixa ver que "máis alá das campañas mediáticas" desenvolvidas pola Xunta e o executivo de Madrid "non só non se creou emprego", senón que, pola contra, as reformas lexislativas "significaron a destrución de máis emprego". 

"As traballadoras/es que están a tempo parcial é porque non atoparon un traballo a tempo completo. O emprego que se xera é cada vez peor"

Neste senso, a CIG cifra en "menos de 1.000.000" o número de persoas ocupadas en 2013 na Galiza, o que deixa 180.000 persoas desempregadas só nos últimos tres anos. Mais á destrución de postos de traballo, salientan, prodúcese parella a un "cambio nas condicións de traballo". Así, en 2013 "o descenso de ocupación a xornada completa é maior que o descenso total da ocupación" pois no pasado ano a caída do número de traballos a xornada completa situouse en "máis de 51.000", segundo os dados fornecidos pola EPA e o INE; pola contra, "medran en perto de 10.000 @s traballadoras/es" cun contrato a tempo partcial. 

Para a Conferencia Intersindical Galega, "o 64% de traballadoras/es que están a tempo parcial é porque non atoparon un traballo a tempo completo", de maneira que "coa reforma laboral", amais de se destruír emprego, "o emprego que se xera cada vez é peor" e en "condicións máis precarias". 

En tres anos emigraron máis moz@s que habitantes ten a cidade de Lugo

Porén, para a central sindical nacionalista, os dados recollidos pola EPA evidencian "a consecuencia máis grave da crise: a emigración". A merma do censo reflicte un goteo de poboación constante e só desde 2010 suman 100.000 as persoas entre 15 e 34 anos que abandonaron o país na procura dun futuro laboral digno. É unha situación dramática, tanto para garantir o recambio xeracional, como porque é a xente máis activa e máis formada" a que marcha, alertan desde a CIG. 

Feijóo acusa a mocidade de ter "un défice de formación" e obvia que emigraron 100 mil moz@s en 3 anos

Unha opinión que semella non ser partillada polo presidente da Xunta de Galiza. Alberto Núñez Feijóo asegurou no acto de presentación do último plan de emprego xuvenil posto a andar pola Xunta que a mocidade galega "ten un défice de formación".

Razón pola que o goberno galego investirá 100 millóns de euros nun programa dirixido á "formación, contratación e o emprendemento entre os menores de 30 anos". Unha "estratexia", informou Feijóo para "facer fronte ás altas taxas de desemprego entre a mocidade". Iso si, sen mencionar sequera que en tres anos emigraron de Galiza máis moz@s (100 mil) que habitantes hai censad@s na cidade de Lugo: 98.761 en 2013. 

Comentarios