A economía galega consolida a senda do crecemento á custa de máis precariedade

O Foro Económico sinala que o PIB da Galiza está aínda 3,5 puntos por baixo do nivel previo á crise
Prestación do IV Informe de Conxuntura Económica (Foto: Foro Económico da Galiza).
photo_camera Prestación do IV Informe de Conxuntura Económica (Foto: Foro Económico da Galiza).

A Galiza consolidou no terceiro trimestre de 2021 a reactivación da actividade económica, cun crecemento interanual de 3,2%, cinco décimas por riba da media estatal. Con todo, segundo destacan as expertas do Foro Económico da Galiza no seu cuarto Informe de Conxuntura Económica, o PIB real galego aínda se atopa 3,5 puntos por baixo do nivel previo á crise.

Porén, como destacan os autores do informe, os economistas Fernando González Laxe, Patricio Sánchez, Santiago Lago e José Francisco Armesto, a devandita reactivación da economía galega, en materia de emprego, concéntrase fundamentalmente no sector servizos e contrasta cos importantes descensos da ocupación na industria manufactureira e na construción. 

Entre os servizos todas as ramas agás a hostalería presentan unha mellora da ocupación, en tanto que no ámbito da industria manufactureira tan só a industria alimentaria aumenta a súa ocupación respecto aos valores do ano anterior.

As taxas de actividade medran, igual que o fai a ocupación. No período analizado, o descenso do paro de longa duración chega a 4,1%. Tanto a poboación ocupada (medra 2,8% respecto ao ano anterior) como as afiliacións (2,6%) obteñen neste último trimestre o nivel previo á crise, aínda que este crecemento non evita que a Galiza se manteña entre os territorios con menores taxas de actividade (só por diante de Asturias) e ocupación (a quinta pola cola). 

Pagan as mulleres 

Un dato sobre o que inciden os economistas do Foro é a calidade do emprego que "non mellora na mesma intensidade, dado o maior dinamismo da ocupación a tempo parcial respecto da ocupación a tempo completo (10,4% e 1,7%, respectivamente) e un incremento dos asalariados con contrato temporal máis intenso que o dos que teñen un contrato indefinido (8,4% e 0,6%). 

Outro aspecto sobre o que chaman a atención é "a elevada desigualdade entre homes e mulleres" no emprego a tempo parcial, xa que tres cuartas partes do emprego parcial corresponden ás mulleres. Isto tradúcese en que case a cuarta parte das mulleres teñen un emprego a tempo parcial fronte a 6,2% no caso dos homes. 

No que atinxe ao desemprego, as persoas menores de 25 anos, as estranxeiras e as que só contan con estudos primarios seguen a ser os colectivos máis afectados polo desemprego.

Baixa produtividade

En canto á produtividade, o último informe de conxuntura do Foro Económico revela que neste capítulo a Galiza segue por baixo da media estatal, se ben o diferencial reduciuse ao longo do período analizado.

Así, en termos de PIB por hora traballada, a Galiza representaba en 2014 o 87,8% da media estatal, fronte a 93,8% no último trimestre do ano. 

"Unha vez máis cómpre insistir na baixa produtividade do sector manufactureiro en relación ao conxunto do Estado que representa 71,9% no último trimestre fronte a 78,2% antes da crise económica iniciada en 2019", apuntan os autores do informe do Foro Económico nas súas conclusións.

Comentarios