Duplícase en só tres días o número de ERTE na Galiza, que xa afectan 45.000 traballadores

Desde o comezo do estado de alarma pola pandemia do coronavirus son xa 8.276 expedientes, con 45.440 traballadoras e traballadores afectados.
erte
photo_camera Na pasada sexta feira había 4.239 expedientes (Europa Press)

O número de Expedientes de Regulación Temporal de Emprego (ERTE) continúa a crecer na Galiza desde o comezo do estado de alarma pola pandemia do coronavirus. Son xa 8.276, con 45.440 traballadoras e traballadores afectados.

Segundo os datos facilitados esta segunda feira, 23 de marzo, pola Consellaría de Economía, Emprego e Industria, esta cifra supón case duplicar os que había hai tres días, cando se rexistraban 4.239.

Entre estes ERTE, hai 251 que afectan a todo o territorio nacional, isto é, 5.509 empregadas e empregados. Tamén hai oito que se producen a nivel estatal, con 737 afectados no noso país.

A Xunta ofreceu datos por demarcacións provinciais. Así as comarcas do país que se encadrarían na división correspondente á Coruña rexistraron un total de 3.172 expedientes temporais, con 15.651 persoas afectadas; nas comarcas da división correspondente a Pontevedra, houbo 2.732 ERTE e 15.536 persoas afectadas.

Nas comarcas correspondentes ás divisións de Lugo e de Ourense, as menos industrializadas do país, houbo 1.058 ERTE e 3.726 persoas afectadas, na primeira; e 1.055 expedientes e 4.281 persoas afectadas, na segunda.

Comentarios