Dous novos accidentes laborais deixan un traballador hospitalizado en Ourol e outro ferido en Neda

A Galiza liderou en 2021 a mortalidade en accidentes no lugar de traballo, con 48 falecementos. No que vai de ano xa se rexistraron no país 29 mortes.
Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza (Foto: Xunta).
photo_camera Centro de atención de emerxencias do 112 Galiza. (Foto: Xunta)

Un operario resultou ferido esta cuarta feira cando manexaba unha máquina para compactar terreo nun camiño do lugar de Toxoso, na parroquia de Ambosores (Ourol).

Segundo a información recollida polo 112 Galiza, o home saíu despedido mentres manexaba o aparello e tivo que ser trasladado ao Hospital da Costa, en Burela.

En concreto, o suceso tivo lugar contra as 13.30 horas desta cuarta. Nese momento, o 112 Galiza recibiu o aviso da situación do operario a través de Urxencias Sanitarias da Galiza-061.

A partir de aí, nada máis recibir a alerta, desde o CIAE 112 Galiza requiriuse da intervención da Garda Civil e de Protección Civil de Ourol.

Outro traballador ferido en Neda

Por outra parte, outro traballador resultou ferido nunha perna esta mesma cuarta cando traballaba nunha zona de monte do lugar de Fonte Vella, no municipio de Neda.

Segundo a información facilitada ao 112 Galiza, o traballador recibiu o impacto dun cable que se enganchou nunha máquina forestal coa que un dos seus compañeiros traballaba.

A Galiza lidera a sinistralidade laboral no Estado

O pasado 27 de abril, con motivo do Día mundial da seguridade e a saúde no traballo, os sindicatos CIG, CCOO e UXT denunciaron a "cronificación" da sinistralidade laboral na Galiza, que presenta unha das peores cifras do Estado español en accidentes e baixas asociadas ao traballo.

En concreto, en 2021 rexistráronse 48 falecementos por accidentes laborais, unha cifra que previsibelmente se superará este ano, no que se contabilizan xa 29 mortes até o presente mes de abril.

Comentarios