DOG recolle o calendario laboral para 2022, que terá como festivos propios de Galiza o Día das Letras e San Xoán

A normativa fixa 14 festivos: 12 marcados polo Estado e dous elixidos polos concellos
Unha noite de San Xoán na praia, na Coruña, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)
photo_camera Unha noite de San Xoán na praia, na Coruña, nunha imaxe de arquivo. (Foto: Europa Press)

O Diario Oficial de Galiza (DOG) publica esta cuarta feira, unha vez aprobado polo Consello da Xunta, o calendario laboral de Galiza para o próximo ano, no que terá como festivos propios o Día das Letras Galegas (17 de maio) e o San Xoán (14 de xuño).

Nun comunicado, a Xunta lembra que a normativa estatal, fixada polo Real Decreto 2001/1983, establece as 14 datas anuais de ámbito estatall non recuperábeis remuneradas e de carácter obrigatorio. Destes 14 festivos, dous son elixidos por cada concello.

Dos 12 restantes, nove son de carácter obrigatorio e non sustituíbeis a non ser que coincidan en domingo: 1 de xaneiro, Venres Santo (15 de abril en 2022), 1 de maio, 15 de agosto, 12 de outubro, 1 de novembro, 6 de decembro, 8 de decembro e o 25 de decembro.

No ano 2022 hai dous festivos estatais que coinciden en domingo: o 1 de maio (Día da clase obreira), que se substitúe polo 17 de maio, Día das Letras Galegas; e o 25 de decembro (Nadal), que se cambia polo Día de San Xoán (24 de xuño).

Ademais, outros tres festivos de carácter estatalpoden ser substituídos polas comunidades: o 6 de xaneiro, que nunca cambia, agás que coincida en domingo; o Xoves Santo (que en 2022 cae o 15 de abril), que Galza non cambia tradicionalmente; e dáselle opción ás comunidades entre o 19 de marzo e o 25 de xullo.

Sempre se elixe o 25 de xullo, xa que é o Día da Patria Galega, tal e como quedou establecido polo Decreto 8/1978, do 10 de xullo.

Comentarios