Escrivá propón ceder ás mutuas competencias da Sanidade pública

A proposta de Escrivá suporía "a maior privatización sanitaria en décadas"

O ministro Escrivá, promotor dos convenios para privatizar a sanidade. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)
photo_camera O ministro Escrivá, promotor dos convenios para privatizar a sanidade. (Foto: Eduardo Parra / Europa Press)

O ministro de Seguridade Social, José Luís Escrivá, enviou un borrador ás Comunidades para que a Sanidade pública ceda ás mutuas a atención das continxencias comúns dos traballadores. O sindicato LAB publicou o documento, que pon en evidencia unha manobra que suporía “a maior privatización sanitaria en décadas”.

O documento emitido por Escrivá, composto por 27 páxinas e cunha validez (prorrogábel) de catro anos, inclúe unha sorte de “convenio tipo”, no que as Consellarías e os responsábeis de cada mutua só terían que cubrir os ocos indicando o nome concreto da Consellaría e a Lei que lles outorga o poder para ceder o que, até a data, eran “competencias exclusivas” da Sanidade pública ás mutuas privadas.

Sistema sanitario dobre

Segundo LAB, un convenio deste tipo, tería, na práctica, o “potencial para descapitalizar a Sanidade pública” e ceder ás mutuas, unhas entidades privadas, a atención “non só de enfermidades laborais”, senón tamén de calquera patoloxía que afecte a máis de 80% da poboación activa. Isto é, a proposta de Escrivá estabelecería un “circuíto sanitario dobre”: un para a poboación con capacidade para traballar e outro para os que “xa non son útiles para o sistema”.

Desta maneira, as mutuas terían a capacidade de “facer valer criterios produtivos e economicistas” e, en función disto, “dar de alta ás traballadoras e aos traballadores canto antes, quedando a saúde en segundo plano”.

Xa a primeira das cláusulas do acordo compromete o propio concepto de saúde ao expor que o obxectivo do convenio é “a máis pronta recuperación laboral do traballador”. Non, como até o momento, a súa “recuperación completa”.

Este “Convenio de Cooperación e Coordinación para a mellora na xestión da incapacidade Temporal e de Asistencia Sanitaria”, di LAB, afectaría o tratamento das enfermidades de 80-90% da poboación activa, que pasarían a ser atendidas polas mutuas.

Sistema de pagamento

Algunhas partes do documento amosan o avanzado estado de negociación do proceso privatizador co que Escrivá pretende ceder a sanidade pública a empresas privadas. A súa cláusula décimo cuarta estabelece xa o sistema de pagamentos, como se facturará e que as Comunidades deberán aboar cada mes as facturas que se emitan, sen tempo para verificar e controlar o gasto.

Protección de datos

Para LAB, a proposta do Ministerio de Seguridade Social supón tamén un incumprimento da Lei de protección de datos, pois implica un traspaso de información confidencial dos traballadores e das traballadoras, como é a súa historia clínica, a empresas privadas. “Que as mutuas, e polo tanto as empresas, teñan acceso a esta información pode ser obxecto de mala praxe”, sinala LAB, “pois poderían utilizalo para apoiar que as enfermidades laborais teñen a súa orixe en enfermidades xa superadas” pola traballadora ou traballador.

Comentarios