Disputa entre a Xunta e a Deputación a conta do futuro industrial de Ferrolterra

O conselleiro Francisco Conde demanda un "dique seco" para incrementar a competitividade do estaleiro de Navantia Ferrol, mentres o presidente da Deputación, Valentín González Formoso, alerta de que todo o traballo non se pode fiar ao naval.
Buque da armada australiana, construído en Navantia Ferrol. (Foto: Navantia)
photo_camera Buque da armada australiana, construído en Navantia Ferrol. (Foto: Navantia)

O vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Economía, Empresa e Innovación, Francisco Conde, defendeu esta terza feira a necesidade de que se incorpore un dique seco á dotación de infraestruturas do estaleiro de Navantia Ferrol para que poida saír da crise industrial.

Conde, que fixo estas declaracións durante unha intervención no Parador de Turismo de Ferrol, destacou que é precisa a “transformación do estaleiro” e iso pasa pola “construción do dique seco", que lle correspondería financiar ao Goberno do Estado.

Desde o seu punto de vista é unha ferramenta “fundamental” para garantir a carga de traballo. Así, advertiu que sen o dique seco a factoría ferrolá da naval “non poderá optar a licitacións internacionais” porque, considera, agora non é competitiva, nin en prazos de execución das encargas, nin en prezo.

Así se manifestou aludindo á finalización do contrato para a creación das fragatas F-110 para a Armada Española, que en todo caso aínda non están en marcha.

Para Conde, o Goberno do Estado español está a apostar nunha “actitude de agravio con Ferrol”.

Pensar na "diversificación"

En resposta a estas consideración, o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, advertiu ao representante da Xunta que a comarca de Ferrolterra “non pode dedicarse só a facer barcos, porque entón este territorio está condenado ao fracaso”.

Na súa opinión, após algunhas despedidas industriais, hai que reforzar a “diversificación” e a “capacidade produtiva” da zona. González Formoso visitaba tamén Ferrol, neste caso por unhas xornadas organizadas polo empresariado.

Comentarios