O discurso da recuperación esnáfrase contra a realidade laboral e social: 300.000 parad@s

Os dados da última Enquisa de Poboación Activa (EPA), e outros indicadores socioeconómicos, obxectivan a realidade palpábel do noso país que fica marcada por máis desemprego, menos postos de traballo, máis emigración e maior empobrecemento por falta de cobertura social. O récord do paro na Galiza é o pano de fundo do 1 de Maio, Día da Clase Traballadora.

O primeiro trimestre de 2014 elevou a 296.900 as persoas que en Galiza carecen de emprego, engadindo 16.000 máis ás fileiras do paro. É un record absoluto que mesmo supera o peor rexistro da serie histórica da EPA (desde 1996) até agora no noso país, correspondente ao primeiro trimestre de 1997 cun paro que atinxía a 228.800 persoas. Moi lonxe dos datos do terceiro trimestre de 2006 –en vésperas do inicio da vixente crise sistémica- nos que a EPA contabilizaba o desemprego máis baixo da serie histórica, con apenas 92.100 persoas. Desde aquela, o número de parados e parados aumentou nun 222%.

A taxa de actividade en Galiza colócase no 53,92%, un valor seis puntos inferior ao rexistrado a nivel de Estado. Unha realidade empurrada pola continuada destrución de postos de traballo que padece o noso país. Así o reflicte a estatística referida á poboación ocupada, onde os datos do primeiro trimestre do ano (982.800 persoas ocupadas) nos retrotraen até niveis de 1999, ano no que no seu cuarto trimestre se consignara unha cifra equivalente (981.000).

Co pano de fundo destas estarrecedoras cifras, vaise celebrar esta quinta feira o 1 de Maio, Día da Clase Traballadora.

Toda a información sobre este asunto tela no número 94 do semanario Sermos Galiza, xa nos quiosques, e tamén disponíbel na nosa loxa.

Comentarios