A CIG, na súa calidade de sindicato máis representativo, vén de presentar unha reclamación diante da Organización Internacional do Traballo (OIT) contra o Reino de Noruega, polo incumprimento do Convenio 147 de normas mínimas sobre mariña mercante. A central sindical demanda a OIT que inste o goberno noruegués a adoptar as medidas precisas para rematar coa situación que sofren os exmariñeiros galegos, embarcados nos seus buques até o ano 1994, e aos que o Estado escandinavo non lles recoñece o dereito a percibir unha pensión de xubilación.
Segundo a asociación galega ‘Long Hope’, que agrupa ao colectivo de afectados, hai máis de 12.000 traballadores nesta situación que, a pesares de pasar anos enrolados nos barcos de bandeira norueguesa e pagar impostos nese país, non teñen recoñecido o dereito á xubilación (nin á pensión de viuvez para as súas compañeiras) por non ter a condición de residentes.
A CIG reclama a intervención da OIT para que se garanta o dereito destes traballadores a percibir unha pensión de xubilación por todos os anos traballados e se remate dunha vez con esta situación. Paulo Carril, secretario xeral da central nacionalista, reclama ao Goberno español para que “de forma urxente e real” emprace o Estado de Noruega a negociar un acordo que acabe coa situación de desprotección social na que se estasd persoas
A reclamación que a CIG dirixe a OIT refírese ao incumprimento do convenio número 147 da OIT de mariña mercante, que Noruega ratificou o 24 de xaneiro de 1979 e que compromete os Estados que o asumen a promulgar unha lexislación que prevea para os buques matriculados no seu territorio "un réxime apropiado de seguridade social". O texto do Convenio non repara en ningún momento en cuestións de nacionalidade ou residencia como condicións previas para a protección e o acceso á prestacións de vital importancia como a xubilación ou a pensión de viuvez.