Dignidade laboral contra o lume

 

Cunha previsión de até 43º na Arnoia (Ourense), a meirande parte da poboación vivirá temperaturas extremas cunha mala calidade do aire provocada polos ventos que chegan do norte de África cargados de area e po. É neste contexto no que deben traballar axentes medio ambientais, cunhas condicións laborais que dificultan o labor de extinción. Os Axentes forestais manteñen unha greve indefinida desde o día 1 mentres os axentes medio ambientais a adian até a reunión coa Xunta, na próxima segunda feira.

axentes forestais e ambientais
photo_camera Axentes forestais e ambientais nunha manifestación, no pasado mes de maio.

Esta fin de semana, unha vaga de calor asolagará Galiza. Cunha previsión de até 43º na Arnoia (Ourense), a meirande parte da poboación vivirá temperaturas extremas cunha mala calidade do aire provocada polos ventos que chegan do norte de África cargados de area e po. Con este panorama, o país convértese nun grande pabío agardando a ser prendido. A excepción da Mariña e da Costa da Morte, o resto do territorio apresenta un risco de incendios alto ou extremo. É neste contexto no que deben traballar axentes medio ambientais, cunhas condicións laborais que dificultan o labor de extinción.

O comité de folga de axentes medio ambientais reuniuse na mañá desta quinta feira para discutir o proceder perante as negociacións coa Xunta de Galiza. O sector dos axentes forestais –aqueles traballadores medio ambientais asociados á Consellaría de Medio Rual– xa iniciou a súa greve indefinida na pasada cuarta feira. José Manuel Couselo, axente medio ambiental e delegado sindical da CIG, apunta que decidiron adiar o encontro co Director Xeral de Función Pública, José María Barreiro, até a segunda feira 6 ás 10:30 horas, día no que tamén celebrarán unha concentración fronte ás dependencias de San Caetano e unha asemblea para decidir se aceptar as condicións da Administración galega. “A súa proposta inicial segue mantendo un exceso horario, con turnos de 12 horas de presenza explícita durante o período extraordinario”, explica Couselo. Esas doce horas no monte levan aparelladas a responsabilidade de dirixir as extincións dos incendios e a plena disposición para seren mobilizados a outros puntos da xeografía galega.

Segundo a Xunta, o período extraordinario pasará axiña de catro a seis meses. Pola súa banda, os traballadores propoñen turnos de 10 horas durante as mañás, 9 horas durante as tardes e 8 horas polas noites. Alén da redución horaria, o colectivo tamén demanda unha igualdade e unha suba salarial entre axentes forestais –tanto os que responden ante Medio Rural como os de Medio Ambiente–. “O incremento económico debe ser plasmado no concepto de complemento específico en vez de no da produtividade, porque no caso de estar de baixa non sería cobrado”, indica Couselo. Outro aspecto que reclaman son as guardas. “Agora mesmo non hai diferenza, tanto nos dan que sexa unha segunda feira, unha noite, un festivo ou unha fin de semana”, engade.

Un traballo de risco non recoñecido

José Luis Gavin é axente medio ambiental da Consellaría de Medio Rural en Meira, dentro do distrito da Terra Chá. Leva desempeñando este labor 33 anos, desde 1985. No seu traballo ordinario entran tarefas burocráticas como a xestión de cotas, subvencións, inspeccións… Durante a tempada de risco, estas funcións son ampliadas á extinción de incendios, situacións nas que recae sobre os axentes forestais a dirección da operación. “Facemos greve para pedir unha mellora salarial mais tamén para que se nos recoñezan os complementos específicos”, sinala.

Segundo a CIG, non se recoñece o complemento específico que retribúe as condicións dos postos de traballo “en base á penosidade, turnicidade, nocturnidade, toxicidade e especial responsabilidade”. A meirande parte dos axentes medio ambientais superan, ademais, os 50 anos, o cal se une á demanda do recoñecemento dunha segunda actividade a partires dos 55, evitando así que os traballadores máis vellos deban traballar nos incendios, como si pasa noutros sectores das forzas policiais ou bombeiros.

“Cando hai un incendio nós somos os que diriximos a extinción, traballamos coas motobombas e coordinamos os bombeiros –se o lume ameaza vivendas– e coas brigadas municipais e da Xunta”, detalla Gavin. O axente forestal destaca a falta de calidade do servizo dalgunhas brigadas, que acostuma adoecer dunha temporalidade laboral que provoca a alta rotación de traballadores. Este feito, que non se reproduce tanto nas brigadas autonómicas –con xeiras anuais ou de nove meses–, remata por orixinar un persoal sen experiencia ou formación necesaria para desenvolver axeitadamente o seu posto.

Ademais das brigadas, nestas datas chegan até Galiza máis recursos públicos chegan desde outros eidos. A conselleira de Medio Rural, Ángeles Vázquez, sinalaba na pasada cuarta feira que “xa está todo habilitado e en perfecta coordinación técnica”. As declaracións foron feitas a raíz dunha reunión co delegado do Goberno na Galiza, Javier Losada, quen reafirmou o compromiso da Administración central coa colaboración de até 18 aeronaves para combater os incendios forestais. A UME –Unidade Militar de Emerxencia–, 27 patrullas e 2 equipos do Exército serán trasladados a territorio galego cunha función disuasoria e, no caso dunha emerxencia, prestar axuda na extinción.

Estes efectivos, que só actúan ante casos de urxencia, deben tamén responder perante a persoa que dirixe a extinción, que en todo caso sempre será o axente medio ambiental. A relevancia do posto é chave, e desde o sector seguen a solicitar garantías para unhas condicións laborais dignas que lles permitan exercer correctamente o seu traballo.

Prevención para paliar as consecuencias do abandono do monte

Por último, Gavin tamén incide na evolución do monte galego nas últimas décadas, e en como cómpre unha mudanza na política de prevención para poder encarar os incendios. "Cada vez vai haber máis incendios e fai falla previr, que haxa máis desbroces, limpeza de puntos de auga... O monte está cada vez máis abandonado e ten menos xente que o traballe", especifica. O traballador tamén pon como contrapunto a situación da Mariña, onde se rexistra un nivel de incendios forestais menor que no resto do país. "Aí á xente dóelle máis o monte porque lle é rentábel, ademais de que o clima non é o mesmo que no resto da Galiza", conclúe.

Comentarios