Día cede ao bloqueo e rematará coas poxas electrónicas de leite

A distribuidora acorda substituír esta fórmula por contratos a 3 meses. Aliás, incrementa o prezo en 2 céntimos.

Campo Galego
photo_camera [Imaxe Campo Galego]

"En liña co resto do sector da distribución". Así comeza o comunicado emitido esta cuarta feira pola cadea de supermercados Día que cedeu ao bloqueo do seu centro loxístico en Compostela e mantivo unha xuntanza con representantes das explotacións gandeiras. 

No acordo alcanzado a distribuidora asume incrementar en dous céntimos o prezo que paga aos seus provedores de leite co obxectivo de que este reverta de "maneira obrigada" nos produtores. Asemade, porá fin ás poxas electrónicas que serán substituídas por contratos "estábeis" dunha duración non menor a 3 meses. 

Aliás, asume o "compromiso" de "traballar de maneira conxunto cos seus provedores na identificación da procedencia e orixe do leite", segundo recolle o comunicado publicado polo portal de información Campo Galego

Reunidos en asemblea, os gandeiros que mantiñan bloqueado o centro loxístico de Día en Mercagaliza decidiron rubricar a proposta. Máis unha vitoria para eles que xa arrincaran compromisos a Carrefour, Eroski, Lidl e Gadisa. 
 

Comentarios