Dez manifestacións protestarán esta segunda-feira por toda Galiza contra a represión sindical

'Defender os dereitos da clase traballadora non é delito' é o lema das mobilizacións convocadas por CIG, CC.OO e UGT para criticar as condenas por participar en accións “contra o austericidio”.

Manifestación CIG en Vigo
photo_camera Manifestación CIG en Vigo

Os sindicatos UGT, CC.OO e CIG convocaron manifestacións para este luns, día 30 de xuño, en toda Galiza para denunciar a "represión" sindical e a "criminalización" á que está sometida a cidadanía por parte do Estado por protestar contra as "políticas de austericidio" e de "recortes sociais e laborais" que, ao seu xuízo, “están perpetrando os gobernos”.

Baixo o lema 'Defender os dereitos da clase traballadora non é un delito', as centrais sindicais chamaron á cidadanía a manifestarse a partir das 20:00 horas, nas sete grandes cidades galegas, ademais de en Monforte,Viveiro, Ribeira e Vilagarcía.

Prisión

Os tres sindicatos recordaron na rolda de prensa de presentación das mobilizacións que en Galiza, nestes momentos, hai catro persoas en procesos xudiciais por participar en protestas e que "non cometeron ningún delito", dous en Vigo e dúas en Pontevedra. Tod@s foron condenad@s, con sentenzas firmes, a máis de tres anos de prisión.

Así mesmo, lamentaron que aínda que os procesos de indulto foron solicitados, estes se "denegaron en primeira instancia" no caso dos dous homes de Vigo. O indulto depende do goberno central, cuxo uso e favoritismos teñen provocado enormes polémicas ao beneficiar a banqueiros e policías, por exemplo.

Comentarios