Dez días de greve indefinida en cociñas e baños Santos

O 90% dos 200 traballadores da empresa de Boqueixón secundan o paro que se mantén de maneira indefinida. A segunda feira terá lugar unha xuntanza de mediación arbitrada polo Consello Galego de Relacións Laborais.

[Foto: CIG]
photo_camera [Foto: CIG]

O pasado 1 de xullo o cadro de persoal de Santos, unha empresa radicada en Boqueixón (na contorna de Compostela) inserida no sector da carpitntería e dedicada a cociñas e baños, iniciaba unha folga indefinida. Facíano fartas das condicións económicas e laborais que padecen, após varios anos sen actualización salarial e ante a negativa da patronal a se sentar na mesa de negociación do convenio provincial do sector.

O Comité de Empresa, composto pola CIG, a CUT e CCOO (esta última afastouse da convocatoria de greve) fixo diversos intentos por abrir unha vía de negociación sen obteren resultados até esta segunda feira. Logo da xuntanza, convocada de maneira inminente pola empresa e que decorreu por varias horas, a única resposta que se ofreceu por parte da dirección era a súa negativa a negociar nada entrementres non se suspendera a folga. Extremo rexeitado polo Comité.

O plantel demanda unha suba salarial de 30€ mensuais

O plantel, que atinxe a 200 traballadores e traballadoras, reclama un incremento salarial de 30€ para cada unha das 14 pagas correspondentes aos anos 2014, 2015 e 2016. Reivindican tamén limitar a xornada de traballo para non sobrepasaren as oito horas continuadas. De cara a favorecer a negociación o Comité de Empresa decidiu aparcar polo momento a suba referida ao ano 2016, mais mantendo a exixencia para os dous anos anteriores. En 2012 e 2013 as retribucións aumentaran por baixo do 1%.

Ante a negativa da empresa a negociar o conflito ameaza con se enconar. "A única alternativa que nos deixan é continuar coa folga o tempo que faga galla, porque estamos sen incremento salarial desde 2013" explica Manuel Seijas, Presidente do Comité (CIG). A asemblea de persoal acordou por unanimidade manter a greve. "Non se entrará a traballar mentres non haxa un acordo”.

Esta sexta feira volvéronse concentrar en defensa das súas demandas, un acto que contou co apoio de Anton Sánchez, deputado de AGE e Tareixa Paz, deputada do BNG. Diante da falla de avances na negociación coa empresa, o Comité solicitou a mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, que se concretizará na convocatoria dunha reunión a tres bandas (empresa, Comité e CGRL) a se celebrar esta segunda feira.

Convenio

Segundo denuncian desde a representación sindical a empresa límitase a remitilos ao Convenio Provincial de Carpitenría e Ebanistería. Un convenio para o que nin se iniciou a negociación, dado que a constitución da mesa está pendente de que se reactive a asociación empresarial que aglutina a patronal do sector, que após do fechamento de varias empresas fica inoperativa.

Porén, o Comité non está dosposto a agardar por un proceso que podería demorarse moitos meses. "Para o futuro podería valernos ese marco [o do convenio], pero non hai prazos nin nada. Por moi rápido que fora en menos dun ano non habería avanzos", denuncian.

ERE

Seijas lembra que o persoal de Santos Cocinas e Baños xa aceptara a aplicación dun ERE que supuxera unha redución da xornada, de cara a garantir a continuidade da empresa durante a crise. Mais o cambio de situación, cun incremento das encomendas lévaos a exixir que se lles compensen "os esforzos realizados".

Comentarios