Detrás das luces do éxito de Inditex

Os ángulos mortos do imperio Inditex son cada vez menos descoñecidos: a explotación laboral en empresas provedoras situadas en afastados países ou a enxeñería financeira para eludir impostos son algúns deses ángulos. Mais hai outros que continúan a ser ignorados polo gran público e que afectan centos de galegos, como as condicións laborais na montaxe de tendas e almacéns da multinacional por todo o mundo. Eis un extracto da reportaxe publicada no semanario Sermos Galiza 259.

Inditex

6O 1 de agosto delegadas e delegados do sindicato CIG ocupaban simbolicamente unha tenda de Zara nun centro comercial da Coruña, acción coa que denunciaban a “precariedade” e “explotación” á que están sometidas as persoas que traballan na montaxe de tendas do grupo téxtil no exterior. “Non é un problema dunha empresa en concreto”, explícanos Mario Maceiras, da Federación da Construción do sindicato nacionalista, “senón dun microcosmos de empresas galegas que traballan case en exclusiva para Inditex e onde as condicións laborais deixan moito que desexar”. Goa Invest, a contratista de Inditex, era o albo último desta acción de protesto. Maceiras lamenta que desde a contratista se “premie” aquelas compañías máis desreguladas. “Semella que se beneficia máis aquelas empresas que non respectan nin horarios, nin convenios...”. A acción na Coruña tivo xa un efecto: Goa Invest aceptou reunirse cunha delegación sindical, xuntanza que terá lugar cara a finais de mes.

As condicións laborais das persoas que traballan na montaxe de tendas e almacéns degradáronse a pasos axigantados ao longo destes anos: convenios incumpridos, xornadas laborais interminábeis e nas que non se retribúen nin recompensan as extras, contratos que non reflicten a realidade... Antes, lembran algúns dos veteranos, os salarios que lles pagaban eran relativamente altos e compensaban en parte a dureza das condicións. Agora xa non.

[Podes ler a entrevista íntegra no Sermos Galiza 259, á venda na loxa e nos quiosques habituais]

Comentarios