Despedidos dunha madereira por facer parte da mesa electoral nas eleccións sindicais

Denúnciao a CIG, que fala de “represión sindical” na empresa Vázquez Rey SA, en Arteixo, e convoca unha concentración

non á represión sindical

A CIG denuncia que a empresa de taboleiro Vázquez Rey SA, de Arteixo, fixo efectivo o despedimento de dous operarios por, afirma o sindicato, participar na mesa electoral das eleccións celebradas nesta firma. A decisión, denuncia a Federación de Construción e Madeira da CIG da Coruña, obedece "ás manobras desenvolvidas pola dirección, e en particular polo xerente, para evitar que os traballadores puideran elixir o candidato da CIG como o seu representante legal". Os dous operarios despedidos formaban parte da mesa en calidade de presidente e secretario suplente.

A primeira manobra, explica o secretario comarcal da FCM-CIG, Mario Maceiras, consistiu en que o xerente tratou de inclurise el propio na lista da CIG como candidato. Isto non lle saiu ben, afirma a CIG, polo que “tratou de ameazar e coaccionar” os integrantes da mesa para que desistisen de participar no proceso, “cousa que conseguiu no caso de secretario e do vogal titular, pero non dos seus suplentes nin do presidente da mesa".

Sempre segundo esta versión sindical, ao non lograr paralizar o proceso electoral nin anular a acta a través dun laudo arbitral (que finalmente validou o proceso), a dirección da empresa despediu o presidente e o secretario da mesa alegando que "transgrediron a boa fe contractual".

CIG convoca unha concentración para o vindeiro 7 de maio, ás 9:00 horas diante do SMAC da Coruña (Mercado Municipal de Elviña), coincidindo co acto de conciliación dun dos traballadores despedidos.


 

Comentarios