Denúnciao a CIG

Despedido un traballador en observación por Covid o día en que a súa parella deu a luz

CIG acusa a empresa ‘La Veneciana’ de querer evitar que o traballador exerza os dereitos de paternidade.

Polígono da Grela
photo_camera Polígono da Grela

A firma cristaleira "La Veneciana" (antes denominada Portaglas), con centro de traballo no polígono coruñés da Grela, despediu un operario un día despois de comunicarlles el propio que sufría síntomas de Covid19, decisión que se lle notificou o mesmo día no que a súa compañeira deu a luz.

Así o denuncian desde a CIG, que sinalan que este traballador se puxo en contacto coa Federación de Construción e Madeira do sindicato para exercer a defensa dos seus dereitos.

O traballador, segundo indica a central nacionalista nun comunicado, “comezou a traballar coma peón especialista da cristalería o pasado 1 de setembro cun contrato de relevo, cubrindo a praza doutro compañeiro que se prexubilara. Desde que comezou a relación laboral, asegura que xa lle tiñan advertido que nesa empresa estaba moi mal visto "coller baixas".

O secretario da FCM-CIG da Coruña, Mario Maceiras, explica que cando o 16 de setembro foi posto en observación tras sentir síntomas compatíbeis coa Covid 19 (aínda que finalmente as probas deron negativo) contactou de inmediato coa empresa para trasladarlle a súa situación, así como que lle recomendaran permanecer en illamento para evitar poñer en risco os seus compañeiros de traballo e tamén a súa parella, persoa de alto risco por atoparse nun avanzado estado de xestación.

"Só un día despois a dirección da empresa comunicoulle o seu despedimento por non pasar o período de proba, decisión que sorprendeu ao traballador no hospital, xa que a súa parella acababa de dar a luz", subliña.

Porén, Maceiras aclara que o período de proba xa fora superado, ao estar fixado por convenio en 15 días, "é dicir, cando xa non podían invocar a interrupción do período de proba para saldar a relación laboral".

O sindicato informa que xa iniciou as medidas legais oportunas e puxo en coñecemento da Inspección de Traballo "o atropelo dos dereitos fundamentais nesta firma, apreciando ademais a posíbel existencia de dolo e fraude no proceder empresarial".

Comentarios