Despedido de Ferroatlántica após 28 anos de traballo por un comentario nas redes sociais

CIG sitúa o despedimento do operario, membro e ex delegado do sindicato na factoría, nunha “campaña de represión sindical”.

 

(Foto: CIG)
photo_camera (Foto: CIG)

Ferroatlántica cesou un traballador que levaba 28 anos prestando servizos nas centrais por un comentario nunha rede social. Denúnciao a CIG, sindicato do que o operario fai parte, que considera que o despedimento é unha medida “absolutamente inxustificada e desproporcionada”, e que a mesma debe de enmarcarse “ na campaña de represión sindical da compañía de Villar Mir contra a CIG pola loita contra a venda das centrais hidroeléctricas, a negativa a ratificar acordo marco estatal e a impugnación da votación fraudulenta pola cal que se aprobou o convenio colectivo para as fábricas de Cee e Dumbría e das centrais”.

“Nos 28 anos que leva prestando servizo nas centrais nunca antes fora obxecto de sanción", sinala o sindicato nacionalista. O traballador foi delegado do comité pola CIG.  

O comentario que utiliza a empresa para xustificar o despedimento, explica a CIG, foi escrito polo traballador no seu perfil de facebook  catro días antes da celebración do referendo  para a aprobación do convenio – consulta que a CIG ten impugnado “porque se permitiu votar a 20 persoas que non estaban incluídas nos censos ao non ter contrato en vigor coa empresa, alterándose así o resultado substancialmente”. O sindicato entende que eses comentarios deben  terse en conta “nun clima de gran tensión sindical, con posturas enfrontadas dentro do comité, e nun estado de nerviosismo moi acentuado, pola falta de transparencia na negociación, xa que o documento final non foi sometido á asemblea do persoal”.  

De feito, sinala a central, o propio traballador pediu desculpas posteriormente e borrou o comentario da rede social, "polo que a situación non debería ter maior transcendencia, sobre todo tendo en conta que o comentario se fai fóra do centro de traballo e nun ámbito pechado". CIG destaca que o escrito polo traballador enmárcase no dereito fundamental á liberdade de expresión, “que a empresa, coa súa decisión de despedilo, está a vulnerar”. Por este motivo, e após rematar sen acordo o acto de conciliación desta terza feira, o proceso para esixir a readmisión do traballador seguirá pola vía xudicial, "onde reclamaremos a nulidade do despedimento".  

Comentarios