Despedidas por denunciar "a precariedade" e "sobrecarga de traballo” das ‘Kellys’ dun hotel de Compostela

O comité do Hotel Porta do Camiño acorda iniciar mobilizacións

[Imaxe: Raquel C. Pérez] Concentración das kellys no Toural
photo_camera Imaxe de arquivo dunha concentración das kellys no Toural (Raquel C. Pérez)

O Comité de empresa do hotel Porta do Camiño, en Compostela,  acordou iniciar mobilizacións en demanda da readmisión de dúas compañeiras do departamento de pisos, despedidas “por denunciar a súa situación laboral. O despedimento produciuse no mes de decembro e malia demandar, en varias xuntanzas, a súa readmisión, a dirección négase a readmitilas”.

O Comité de empresa afirma que ten denunciado de forma reiterada a situación de sobrecarga de traballo que hai neste departamento así como “a actitude despótica da gobernanta”. Mesmo chegou a facer entrega dun escrito con sinaturas das traballadoras deste departamento, así como doutras que xa non están na empresa, denunciando ese comportamento.

“Trátase dun departamento con moitísima rotación de persoal, a diferenza dos outros, que contan cun cadro de persoal estábel”. O comité salienta tamén a situación de precariedade e sobre explotación que sofre o departamento de pisos no sector de hostalería.

Comentarios