Despedida dúas veces por ser nai e exixir os seus dereitos de maternidade

“É un exemplo do machismo máis rancio e propio da Idade Media”, asegura a CIG, que denuncia a empresa ADM, filial de Movistar

Protesta da CIG por Teresa Martínez
photo_camera Protesta da CIG por Teresa Martínez

Teresa Martínez foi despedida en dúas ocasións. Primeiro cando quedou embarazada, o que obrigou a súa empresa ADM, unha filial de telecomunicacións que traballa para Movistar, a readmitila ante a evidente ilegalidade do procedemento. Pero a volta ao seu posto, cando reclamou o seu dereito a conciliar traballo e vida familiar, foi obxecto de numerosas presións até que foi de novo despedida.

Un grupo de nais traballadoras acompañadas das súas crianzas concentráronse en Compostela, convocadas pola CIG-Servizos, para denunciar o caso de Teresa Martínez. “É un exemplo do machismo máis rancio e propio da Idade Media que impera en ADM”, manifestou o secretario comarcal da CIG-Servizos, Roberto Alonso, que sinalou ao propietario, Andrés Daviña, como o principal responsábel.

“Evidencia así a súa concepción a respecto das mulleres que non poden ser nais e traballar ao mesmo tempo”, afirmou Alonso. Cando se reincorporou ao traballo, pediu unha redución de xornada para poder atender a súa crianza. Como resposta, o empresario cambiou ilegalmente as súas quendas de traballo e comezou a dificultar as súas tarefas.

Como resposta as súas demandas, o empresario cambiou ilegalmente as súas quendas de traballo e comezou a dificultar as súas tarefas

Deixouna sen acceso a Internet dende o seu ordenador de traballo, imposibilitando que accedera aos albaráns, e mesmo “chegou ao punto de deixala sen a típica cesta de Nadal, que si recibiron o resto de compañeiras e compañeiros”, segundo denuncia a CIG.

A pesar de aturar estas discriminacións, e logo dunha nova baixa por maternidade, encontrouse de novo despedida. A tenda na que traballaba pechou e ADM negouse a reubicala noutra das tendas da compañía. Medida que dende a federación sindical definen como intolerábel.

A CIG considera que “nos tempos en que vivimos non se poden permitir este tipo de actitudes por parte dunha empresa que pretende vender os aparellos máis modernos utilizando as técnicas máis antigas dos patróns escravistas”.

Comentarios