Despedida até en dúas ocasións por solicitar unha redución de xornada para o coidado das crianzas

A CIG exixe a readmisión dunha traballadora de Movistar-ADM após ser despedida pola empresa até en dúas ocasións. A operaria solicitara dúas reducións de xornada por razóns de conciliación familiar. 

CIG

Desde a central sindical nacionalista tildan o caso de "machismo rancio propio da Idade Media" e denuncian a actitude do dirixente da empresa de telefonía, quen asinou os despedimentos da traballadora.

E fíxoo cando a operaria, após rematar o período de baixa por maternidade logo de ter a súa primeira crianza, quixo acollerse a unha redución da xornada que lle permitise conciliar a súa vida laboral e familiar. Un dereito recollido na lexislación (artigo 37.5 do Estatuto d@s traballador@s). 

Naquela ocasión a traballadora tivo que ser re-admitida por orde xudicial mais, denuncian desde a CIG, foi obxecto "dunha constante presión por parte da empresa que lle modificou o horario ilegalmente". A situación xerada por Movistar-ADM foi de novo denunciada e a xustiza exixiu que lle foran restituídas as súas condicións laborais, como obriga a lei. 

Porén, após ser de novo nai, a traballadora volveu ser despedida cando solicitou acollerse á redución de xornada tamén coa súa segunda crianza. Para a Confederación Intersindical Galega (CIG) a actitude do "máximo dirixente" da empresa deixa claro que para el "as mulleres non poden ser nais e traballar ao mesmo tempo". 

Unha realidade, denuncian, que "non se pode tolerar" polo que, advirten, non pararán até que a traballadora sexa de novo re-admitida. A central sindical xa iniciou mobilizacións perante a oficina de Movistar-ADM. 

Comentarios