Despedida após sufrir acoso durante catorce anos por quedar embarazada

A CIG xa convocou unha mobilización para esta quinta feira en Vigo, co obxectivo de exixir a readmisión desta ex traballadora de Termocalor.
Unha muller embarazada, nunha imaxe de arquivo. (Foto: UGR / Europa Press)
photo_camera Unha muller embarazada, nunha imaxe de arquivo. (Foto: UGR / Europa Press)

A Confederación Intersindical Galega (CIG) vén de anunciar unha concentración para esta quinta feira, en apoio dunha muller que sufriu acoso laboral durante máis de catorce anos, após quedar embarazada en 2008.

A mobilización terá lugar diante da Sección provincial de Mediación, Arbitraxe e Conciliación (SMAC) de Vigo, ás 11.45 horas.

Segundo explica o sindicato nun comunicado, este acoso laboral comezou en 2008, "nada máis anunciarlle ao seu xefe [na empresa Termocalor] que se atopaba en estado".

Desde ese momento e até 2010, a traballadora despedida denunciou que sufriu acoso laboral por razón de xénero. Un acoso que se agravou nese 2010, "cando decide ser nai por segunda vez e optan por cambiarlle o horario e obrigala a facer as cinco horas de redución a xornada partida (dúas pola mañá e tres pola tarde)".

Tal e como ela explica, “para min era imposíbel, porque precisamente collín a redución para traballar só de mañá e poder atender as crianzas pola tarde; non me daba tempo a comer nin a coidalas, polo que acabei cun estrés enorme e con ataques de ansiedade e tiven que coller unha baixa”.

Sentenza do Tribunal Supremo

Asesorada pola CIG, levou o seu caso ao Tribunal Supremo (TS), e en 2019, este deulle a razón e obrigou a compañía a que lle restituíse o horario para traballar só de mañá, que lle recoñecesen como enfermidade laboral a baixa por ansiedade que tivo que coller e que a indemnizasen con 3.000 euros por danos e prexuízos.

Ademais, impúxolle á empresa unha sanción administrativa de 20.000 euros por acoso laboral durante máis dunha década, despois de que a traballadora rexeitase a proposta do propietario de Termocalor para renunciar ao traballo, evitándose así ter que pagar a indemnización correspondente.

Tres anos despois, cando o seu segundo fillo cumpriu 12 anos e rematou a súa reducción de xornada, a traballadora recibiu a rescisión do seu contrato, que a dirección da empresa xustificou "aludindo a supostas medidas disciplinarias".

Porén, para a central sindical trátase dunha "represalia" e unha "clara vulneración dos seus dereitos fundamentais (da traballadora)". Neste sentido, a CIG presentou unha demanda reclamando a nulidade do despido, ademais de convocar a concentración desta quinta feira, que coincidirá co acto de conciliación previo á celebración do xuízo.

Comentarios