Despedida após pedir medidas de conciliación para o coidado da filla

Campaña sindical para denunciar a “actitude machista” da dirección da residencia Ballesol de Vigo e reclamar a readmisión.

ballesol conciliación

A CIG denuncia que a residencia de maiores Ballesol de Vigo despediu disciplinariamente a supervisora de tarde “sen outra razón que a de ser nai, separada, con necesidade de conciliar o seu traballo co coidado da súa filla de catro anos”. Diante disto, a central puxo en marcha unha campaña para rexeitar a actitude machista da dirección e reclamar a readmisión da traballadora.

Dende a CIG sinalan que a afectada “unicamente quería poder alternar quendas de traballo coas súas compañeiras para coidar a súa filla”,

A directora da residencia negouse a recoller a petición por escrito de adecuación de xornada, “dándolle a entender que o ían arranxar entre elas”. Mais 11 de decembro entregáronlle a carta de despido, cando se supoñía ían reunirse para deixar arranxado un horario que levaba esperando dende o verán.

“Entón comezan a difamala e alegan falta de rendemento e mala relación coas compañeiras, cando se trata dunha traballadora exemplar da que nunca se recibiu queixa; despois de ter dado o mellor no seu traballo, despois de ser moi valorada, despídena con violencia, con mentiras, con inxurias”, critican.

Comentarios