"Desmobilizar" a folga en Medio Rural con "descontos ilegais"

CIG, CC.OO., CSIF e UGT demandan a Consellaría por aplicar retencións nas nóminas de técnicos forestais en paro indefinido desde o 1 de agosto. A Xunta di que cumpre coa lei.

EuropaPress_3212286_tecnicos_forestales_protestan_xunta
photo_camera A folga no sector conta coa unidade sindical das centrais. Na imaxe, unha protesta ante o edificio da Xunta en Compostela (Europa Press)

Os sindicatos CIG, CC.OO., CSIF e UGT, así como o comité de folga dos técnicos forestais da Xunta, presentaron esta semana unha demanda contra a Consellaría do Medio Rural por aplicar "descontos ilegais" nas nóminas dos traballadores que se manteñen en folga indefinida desde o 1 de agosto.

En concreto, as catro organizacións denunciaron o departamento que dirixe José González ante o Xulgado Contencioso-Administrativo de Santiago por realizar estas retencións cuns criterios "que vulneran a lexislación vixente" e que teñen a "única finalidade de desmobilizar e boicotear" a protesta.

Ademais, os sindicatos advirten de que este feito "vai en contra da necesidade de buscar puntos de encontro e diálogo" para resolver o conflito que manteñen desde o 1 de agosto e que "non fai máis que aumentar a crispación" despois de 28 meses tentando que a Consellaría presente unha nova proposta de acordo.

Así, CIG, CC.OO., CSIF e UGT agardan que Medio Rural, nun "novo acto na procura de consensos", convoque "canto antes" unha reunión para retomar unha negociación sobre condicións laborais que dea fin á folga e as mobilizacións.

Defensa da Xunta

Pola súa banda, Medio Rural defende que está a aplicar o correspondente desconto na nómina de agosto ao persoal técnico forestal en folga indefinida conforme á normativa vixente.

"A medida aplicouse de forma proporcional e tendo en conta que nese período os traballadores en folga só desempeñaron os servizos mínimos pactados, que se corresponden coas tarefas de coordinación e extinción de incendios, deixando de prestar as restantes tarefas que teñen encomendadas en materia de prevención persoal", remarca.

Engade Medio Rural, entre outras cuestións, que o desconto se aplicou unicamente sobre o soldo base, os trienios e o complemento de destino, e non sobre o complemento específico. Ademais defende que "non é certo que traballen fisicamente as 24 horas de garda", senón que son 12 horas presenciais e outras 12 en que teñen que estar localizábeis en todo momento.

Comentarios