Mobilización contra a "desertización industrial" da comarca viguesa

CIG mobilizarase en Vigo pola situación "límite" do naval e alerta do risco de "desaparición" do sector.

naval vigo
photo_camera Imaxe de arquivo dunha mobilización polo naval en Vigo

O sindicato CIG anunciou  unha campaña de mobilizacións pola situación "límite" do sector naval e urxiu a intervención pública para evitar a "desaparición" desta industria, "estratéxica" para a comarca de Vigo e para Galiza.

Así o trasladou o secretario comarcal da central nacionalista, Alberto Gonçalves, quen confirmou que iniciarán de inmediato as reunións con delegados e as asembleas nos centros de traballo, e que culminarán cunha manifestación a mediados de maio. "Isto será o principio", advertiu, á vez que alertou de que a falta de políticas industriais da Xunta e a actitude do Goberno estatal "mirando a outro lado" provocarán a "desertización industrial" da comarca.

Segundo sinalou Gonçalves, esta crise concrétase na situación dos máis importantes estaleiros da ría de Vigo. Así, lamentou que "estamos a asistir en directo" ao naufraxio de Vulcano, que está "nun calexón sen saída", e á "gravísima situación de Barreras", que está sen carga de traballo "despois dos fracasos de Pemex e Ritz Carlton".

A construción naval chegou a empregar a 10.000 persoas de forma directa e actualmente os traballadores dos estaleiros non son máis que uns poucos centos; ao que tamén se engade a destrución de miles de empregos na industria auxiliar

De feito, lembrou, a construción naval chegou a empregar a 10.000 persoas de forma directa e actualmente os traballadores dos estaleiros non son máis que uns poucos centos; ao que tamén se engade a destrución de miles de empregos na industria auxiliar.

"Temos que rachar esta espiral de fracasos e promesas incumpridas", proclamou, e instou á Administración do Estado a intervir en Barreras, como fixeron outros países europeos cos seus estaleiros. Así mesmo, reclamou á Xunta que asuma as súas competencias en materia de industria e censurou tamén o "silencio clamoroso" do Concello de Vigo ante a crise do sector.

Pola súa banda, o responsábel  do Naval no sindicato, César Rodríguez, advertiu de que a actual situación do sector é mostra de que se está producindo unha "reconversión encuberta" e sinalou que a comarca de Vigo "está a xogarse o seu futuro" porque o pechamento de estaleiros como Vulcano ou a liquidación de Barreras, que "cada vez está máis perto", suporá perder unhas capacidades "moi difíciles de recuperar". "Non se implanta unha industria de construción naval dun día para outro", aseverou.

Respecto diso, recalcou que "aquí hai moitas palabras pero o que importa son os feitos" e alertou dos "danos colaterais" que se producirán na comarca se "caen" os máis importantes estaleiros.

Por outra banda, e a preguntas dos medios, o secretario comarcal de Industria da CIG, Xulio Fernández, referiuse ao preacordo alcanzado nas últimas horas entre CC.OO. e UXT e a patronal para o convenio provincial do Metal, e do que se desmarcou o sindicato nacionalista.

Segundo volveu a incidir, ese acordo supuxo renunciar a cuestións que se tiñan fixado como "liñas vermellas" e profundará na precariedade dos traballadores, especialmente dos eventuais. Así mesmo, lamentou o cambio de posición do resto de centrais, que até unhas horas antes apoiaban a convocatoria de folga para esta quinta feira. "Non se pode banalizar e amagar cunha folga cando saben que van acordar. Nós se convocamos unha folga imos adiante con todas as consecuencias", sentenciou, e advertiu de que o preacordo alcanzado pon á parte social nunha "posición de debilidade" de cara á negociación de futuros convenios.

Comentarios