O desemprego descende en Galiza, no mes de agosto, polos contratos temporais

Os dados do paro rexistrado reflicten un descenso de 3.340 persoas no mes de agosto. A maior parte das contratacións foron de carácter temporal. No conxunto do Estado español o número de persoas sen emprego aumentou en 8.070.

O Ministerio español de Emprego fixo públicos esta terza feira (2 de setembro) os dados do paro rexistrado relativos ao mes de agosto. Nesta estatística, Galiza sitúase entre os territorios onde máis descende o número de persoas rexistradas nos servizos de búsqueda de emprego. No concreto, o número de desempregad@s redúcese en 3.340 persoas no mes de agosto e en relación co mes anterior. 

En agosto creáronse 72.038 novos contratos dos que 67.919 foron temporais

Neste senso, no noso país 236.939 persoas atópanse sen traballo. Porén, o númerode contratos creados (72.038) durante este período reflicten a crecente temporalidade dunhas cifras marcadas pola estacionalidade propia dos meses estivais. E é que a maior parte das contratacións foron temporais (67.919) fronte aos pouco máis de 4.000 contratos indefinidos (4.114). 

Por sectores, o descenso de desempregad@s salienta no sector servizos onde se rexistraron 1.299 parad@s menos. A industria e a construción continúan, seguidamente, a ser os ámbitos profesionais máis atinxidos polo paro con 32.815 e 32.205 persoas sen emprego, respectivamente. No tocante á agricultura e embora reducirse en 273 persoas o número de desempregad@s 7.839 persoas continúan sen traballo. 

En relación ás provincias Pontevedra rexistra o maior número de parad@s (95.846), seguida da Coruña (93.098), Ourense (25.404) e Lugo (22.591). 

O paro aumenta no Estado español

No conxunto do Estado español o paro rexistrado marca un novo repunte no mes de agosto e increméntase en 8.070 persoas o que deixa 4,427.930 persoas sen traballo. Aliás, o número de filiacións á Seguridade Social descendeu en máis de 92.000 persoas. 

Comentarios