O desemprego aumenta após o verán

En Galiza rexistráronse 1.264 nov@s demandantes de emprego no mes de setembro. O paro sitúase no noso país en 238.203 persoas. No conxunto do estado o desemprego aumenta en 19.720 persoas.

O Ministerio de Traballo fixo públicas esta quinta feira (2 de outubro) os dados do paro rexistrado relativos ao mes de setembro. Após o período estival, onde se rexistraron unha febles baixadas froito da contratación estacional no sector servizos, o número de persoas desempregadas incrementouse en 1.264. 

En total, o paro rexistrado no noso país sitúase en 238.203 persoas, principalmente mulleres (126.933) fronte aos homes (111.270). 

O desemprego increméntase froito do remate do estío e agudízase principalmente no sector servizos

Por provincias Pontevedra continúa a encabezar a taxa de desemprego con 95.837 persoas seguida da Coruña (94.247), Ourense (25.317) e Lugo (22.802). Por sectores, os servizos (146.210) e a industria (32.625) continúan a reflectir as maiores cifras, xunto coa construción (31.405). 

No mes de setembro o número de persoas rexistradas nos servizos públicos de emprego por vez primeira incrementouse a respeito do mes anterior en 48 situándose en 20.596 persoas. 

A temporalidade na contratación continúa a marcar as relacións de traballo de maneira moi notábel, fronte aos pouco máis de 6.000 contratos indeficinos (6.105), 74.255 persoas contan cun contrato a tempo parcial. 

No conxunto do Estado español a cifra de desempregad@s continúa por riba dos 4 millóns de persoas (4.447.650) o que supón 19.720 persoas máis que no mes de agosto.

Comentarios