Desconvocan a greve de Estilismo da CRTVG pola entrada dunha nova empresa

As traballadoras do servizo de Estilismo da CRTVG, que convocaran unha folga a partir do 30 de marzo para esixiren o cobro dos seus salarios, ficou desconvocada após a CRTVG confirmara a entrada dunha nova empresa.

estilismo tvg

A CRTVG vén de confirmar que unha nova empresa, Acicala Estilismo, entra no servizo de Estilismo da CRTVG e xa fixo efectivo o pagamento á administración concursal das cantidades retidas, sen as cales as traballadoras, que convocaran unha greve a partir do 30 de marzo, non podían cobrar as débedas.

Nun comunicado de imprensa, o sindicato CIG lembra que o persoal de Estilismo, contratado até o de agora á empresa New’s Models, levaba sen percibir os soldos desde decembro. A empresa fora declarada en concurso voluntario de acredores polo Xulgado do Mercantil nº 3 de Pontevedra e recaía sobre ela unha orde de embargo da Axencia Estatal da Administración Tributaria (AEAT), polo que os pagamentos da CRTVG ingresaban na AEAT. A débeda do embargo foi saldada a finais de xaneiro, mais desde entón a compañía de radio-televisión estaba a reter os pagamentos a aboar a New Model’s.

Resgate de todos os servizos

A Sección Sindical da CIG afirma que, con independencia de que este conflito estea resolto, seguirá a defender “a necesidade de proceder ao resgate para a xestión directa pola CRTVG do Servizo de Estilismo, Perruquería e de calquera outro servizo da actividade principal do ente que teña carácter estrutural, con subrogación de todo o persoal que presta estes servizos, como única garantía de mantemento do emprego e de sustentabilidade do servizo público”.

As traballadoras, que serán subrogadas á nova empresa a partir de abril, trasladan o seu agradecemento a todas as compañeiras e compañeiros da CRTVG, así como ao comité de empresa polo apoio recibido, “sen o cal estamos seguras que a resolución do conflito non se tería producido de xeito tan favorábel”.

Comentarios