Desconvocada a folga do transporte por estrada desta quinta e sexta feira

O acordo só supón a suspensión da convocatoria de folga desta semana. Os sindicatos manteñen a súa intención de ir un parón indefinido a partir do 8 de maio se a patronal non actualiza os convenios con melloras salariais.
Traballadoras e traballadores tratan de paralizar un autobús en Vigo durante a folga do 31 de marzo (Foto: Nós Diario).
photo_camera Traballadoras e traballadores tratan de paralizar un autobús en Vigo durante a folga do 31 de marzo (Foto: Nós Diario).

A folga convocada por CIG, CC.OO. e UXT para esta quinta feira e venres no sector do transporte de viaxeiros foi finalmente desconvocada despois de que as partes alcanzasen un acordo sobre o marco de cuestións a negociar para a renovación dos catro convenios.

O pacto foi alcanzado esta cuarta feira despois de oito horas de reunión no Consello Galego de Relacións Laborais, segundo confirmaron fontes sindicais e empresariais, que volverán atoparse o próximo día 2 para retomar as conversacións.

Queda así finalmente desconvocada a folga de 48 horas á que estaban chamados o cadro de persoal do transporte interurbano, o metropolitano, aos servizos escolares e a proximidades, así como ao urbano de Santiago e Lugo, onde se rexen polos mesmos convenios.

O acordo só supón a suspensión da convocatoria de folga desta semana. Os sindicatos manteñen a súa intención de ir un parón indefinido a partir do 8 de maio se a patronal non actualiza os convenios con melloras salariais.

"Hai moito que negociar aínda"

Sobre esta desconvocatoria, o responsábel da CIG para cuestións de transporte, Xosé Pastoriza, asegurou que "isto ten a ver con que a patronal aceptou pagar os IPC dos anos 2021 e 2022. Con todo queda o convenio de Lugo no que hai moito que negociar aínda".

"Esta desconvocatoria só ten a ver coa folga de mañá e pasado [por esta quinta e sexta feira] non coa folga indefinida do 8 de maio, que segue en pé", acrecentou.

Comentarios