Desconvocada a folga de transporte de viaxeiros tras referendar os traballadores o acordo entre sindicatos e patronal

As asembleas apoiárono por unha marxe estreita e co rexeitamento de Ferrol, Pontevedra e Ourense

Varias persoas durante unha folga do transporte de viaxeiros na estación de autobuses de Santiago, o 31 de marzo de 2023. (Foto: Älvaro Ballesteros / Europa Press)
photo_camera Varias persoas durante unha folga do transporte de viaxeiros na estación de autobuses de Santiago, o 31 de marzo de 2023. (Foto: Älvaro Ballesteros / Europa Press)

Os traballadores do sector do transporte aceptaron o acordo ao que chegaron este sábado os sindicatos e a patronal para desconvocar a folga indefinida á que estaban chamados a partir desta segunda feira.

En asembleas celebradas a pasada noite, os traballadores apoiaron por unha marxe estreita a desconvocatoria da folga. En concreto, segundo fontes sindicais, a favor do acordo situouse o 55% do persoal.

Por cidades, A Coruña, Vigo, Santiago de Compostela e Lugo mostraron o seu apoio á desconvocatoria, mentres que, pola contra, Pontevedra, Ferrol e Ourense rexeitárono.

Con todo, os traballadores reclamaron que a mesa de negociación na Galiza continúe aberta para "falar dos moitos flocos que quedan" por discutir, ademais das cuestións económicas. 

 

Despois de que a pasada quinta feira fracasase a reunión, que se estendeu até a madrugada e na que as posturas pasaron a estar aínda "máis afastadas", os actores desta negociación mantiveron na mañá deste sábado un novo encontro coa mediación do Consello Galego de Relacións Laborais, que si frutificou.

Segundo confirmaron fontes sindicais, o principio de acordo alcanzado fai referencia ao ámbito económico, o que "máis necesitan os traballadores", afectados dunha perda importante de poder adquisitivo, cunha subida de salario do 12%.

Así, a última proposta da patronal acepta recuperar o poder adquisitivo xa este ano e garantir o IPC Real para o ano 2024 e non nun período de até cinco anos como pretendía anteriormente.

Comentarios