Descende o paro rexistrado, mantéñense os problemas

O número de persoas no desemprego baixou en maio en 4.991, situándose por baixo das 200.000. A redución, porén, é menor que a media rexistrada no estado español, e baséase nunha moi alta temporalidade nos novos contratos.

paro desemprego traballo

O paro rexistrado descendeu en maio en Galiza en 4.991 persoas, situándose por baixo das 200.000, unha liña que levaba tempo sen ser franqueada en sentido descendente. Esas perto de 5.000 persoas que abandonaron os rexistros de desemprego supoñen 2,4% das anotadas. No conxunto do Estado español foron 3,13%. Temos, pois, que a redución do paro rexistrado en Galiza o mes pasado foi menor que o ritmo ao que se reduciu no Estado.

Non é isto algo unicamente característico do mes de maio que vimos de deixar. A comparativa interanual – é dicer, maio 2016 a maio 2017-  reflicte este problema: a baixada do paro en Galiza está a ser a un ritmo menor que a do estado. Nestes doce meses a redución foi do 9,45% no noso país fronte a 11,06% do Estado español, punto e medio máis.

Maio, ademais, marcou un novo incremento no número de contratos asinados. Neses 31 días rexistráronse 87.595, dos cales 80.855 foron temporais. O gran número de contratos asinados por cada traballo creado é un indicar da temporalidade do emprego, algo que se está a enquistar como crónico na economía galega. Cunha taxa de temporalidade que supera 26% (un de cada catro postos de traballo que hai en Galiza é temporal), situámonos no podio europeo da temporalidade, só por detrás de Grecia. O sector servizos é quen engole gran parte deste novo emprego, continuando nun cambio de modelo a cabalo da crise en que son sectores con emprego precario e temporal quen gañaron terreo.

No que atinxe á afiliación á seguridade social

Galiza continúa sen acadar o millón de persoas afiliadas á Seguridade Social que tiña antes da crise. En maio aumentou a afiliación (6.835 persoas), situándose nas 971.305. O incremento rexistrado nese mes en afiliacións foi de  0,7%. Porcentaxe tamén por baixo da media do estado español nese período, que foi de 1,23% de incremento. Na comparativa interanual, o mesmo: a soba da afiliación en Galiza neses doce meses foi de 2,3% mentres que no Estado español foi do 3,9%.

Comentarios