venres 24/09/21

Descende o paro en maio, mantense a temporalidade

Segundo os dados do Ministerio de Traballo no noso país rexistráronse 7.780 persoas menos no desemprego, o 3,4% menos que en abril.

Esta terza feira (2 de xuño) foron publicados os dados correspondentes ao paro rexistrado de maio. Segundo o Ministerio de Traballo na Galiza hai 236.981 persoas demandantes de emprego, 7.780 menos que no mes anterior e 28.463 que hai un ano. 

A maior baixada produciuse no sector servizos (-4.954) e na industria (-1.180) seguidos do sector da construción (-1.103). 

Así as cousas, as contratacións continúan a ser maioritariamente temporais sendo que dos 68.273 contratos que se asinaron, o 92,7% --isto é 63.302-- foron con carácter temporal. En troca, tan só 4.971 son indefinidios

O 92,7% dos contratos son temporais

No conxunto do Estado español a redución do número de persoas rexistradas nos servizos públicos de emprego caeu en 117.985, a maior queda nun mes de maio da serie histórica. 

Neste senso, a cifra total de [email protected] sitúase en 4 millóns 215.031 persoas. A nivel estatal o sector que tira do emprego é a agricultura, que enceta a súa campaña con 14.142 persoas menos no paro (6,75%) seguida da construción (-3,53%) e a industria (-3,01%). 

Os territorios onde se rexistrou un maior descenso foron Catalunya, Madrid e Valencia. 

'Demasiados contratos para poucos empregos'

A CIG advirte da "temporalidade" no emprego que se está a xerar após coñecérense os dados do paro rexistrado. Neste senso, sinala que a cifra de contratos asinados para "poucos" postos de traballo reflicte un incremento da precariedade. 

Miguel Malvido (CIG): "As sucesivas reformas laborais o único que fixeron foi precarizar cada vez máis as condicións laborais"

Aliás, alerta de que "cada vez son menos os desempregados e desempregadas as que perciben algún tipo de prestación" sendo que só o 48,8% das persoas paradas (119.564) "ingresa algún tipo de axuda". Asemade, salientan desde a central sindical nacionalista, destas persoas "unicamente 47.411 teñen dereito a prestación contributiva, o resto subsiste co subsidio, a Renda de inserción ou sen ingresos". 

Para o secretario confederal de emprego, Miguel Malvido, os dados reflicten como as sucesivas reformas laborais (2011,2012) “o único que fixeron foi precarizar cada vez máis as condicións laborais”. Temporalidade e parcialidade, denunciou, está a provocar un "incremento da pobreza e da exclusión social entre a clase traballadora". “Se xa é difícil chegar a fin de mes cando se cobra un salario cun contrato a tempo completo, canto máis difícil non será chegar cando se ten unha xornada a tempo parcial”, advirten desde a CIG. 

comentarios