O "desamparo" das obreiras de Isidro 1952

A venda abortada da compañía deixa as traballadoras nun limbo
20-01-09_ConcentracionFolga_Isidro1952_04
photo_camera Protesta das traballadores de Isidro 1952 o pasado 9 de xaneiro. Foto: CIG.

"Enfadadas e desamparadas". Con eses dous contundentes adxectivos describe a operaria de Isidro 1952 Cristina Xestal a situación das 225 traballadoras da compañía con sede en Cambre. A venda abortada da firma ao empresario Carlos García Martín colocou o cadro de persoal nun limbo sobre o que a dirección non informa. Así o denuncia Xestal en declaracións a Nós Diario. Este xornal púxose en contacto coa empresa, dedicada ao procesado de peixe, mais non obtivo a súa versión.

Hai oito días Pablo García-Gascó, propietario e presidente de Isidro 1952, comunicou á representación sindical que García Martín adquiría a compañía. A pasada cuarta feira desdicíase e explicáballe á presidenta do comité de empresa, Olga Rodríguez, que a operación ficaba anulada. "Iso é o último que sabemos", expón Xestal, delegada pola CIG, "ninguén nos di nada. Estamos nunha incerteza total, pagando unha liorta sobre a que ninguén nos dá unha explicación. Déixannos nun limbo e estamos moi decepcionadas".

Máis alá do silencio da aínda dirección da empresa, tampouco a Xunta se ofreceu a mediar. "Nin os concellos en que hai instalacións da compañía. Nada, ninguén se pon en contacto connosco". A maiores, Isidro 1952 adebeda ás traballadoras os salarios de decembro, unha paga á parte de novembro e xa contan con non cobraren tampouco xaneiro. "Seguimos indo aos nosos postos. Sácase pouco traballo, porque tampouco entra materia prima", expón Cristina Xestal.

A compañía solicitou a administración concursal. En teoría, o prazo para presentar a documentación remataba onte, 24 de xaneiro. "En función de se a empresa remite ou non a información requirida, nomearanse as administradoras concursais, cuxa designación podería adiarse até a primeira semana de febreiro", afirma a CIG nun comunicado, ao tempo que pide á dirección "a maior dilixencia na entrega da documentación para canto antes poder comezar coas actuacións concursais e dotar de amparo legal as traballadoras e os traballadores". Entrementres, o sindicato reclama que a dirección de Isisdro 1952 non aplique nin ERE nin modificación das condicións laborais e salariais.

Transformación: de Isidro de la Cal a Isidro 1952

Isidro 1952 foi a mutación da histórica Isidro de la Cal. En 2016 a compañía saíu así dunha crise de débeda que ameazou a continuidade empresarial. Foi cando tomou as rendas Pablo García-Gascó. A nova cúpula incorporou liñas de produto -incluída a que anunciaron como "a maior planta de sushi" do Estado español-, e renovou a imaxe de marca. A distribución de pescados e pratos elaborados, a acuicultura e a loxística conforman os tres apartados principais do negocio. A sede atópase no polígono industrial Espírito Santo de Cambre.

"Quietas e paradas na fábrica non podemos seguir. É un sen vivir", lamenta Cristina Xestal, "a dirección non se reuniu co comité nin cos traballadores para explicarnos se imos cobrar ou non". E contra esta parálise e a falta de informacións, pensan xa en convocaren máis mobilizacións.

Comentarios