luns 18/10/21

O desalento paira entre as coidadoras sociais

Nin material de prevención nin información suficiente. Traballadoras sociais e auxiliares clínicas urxen medidas de control de risco no marco da súa intervención especializada. Primeiras denuncias en Inspección de Traballo.
conselleira fabiola
A conselleira de Política Social, Fabiola García, visita unha residencia de maiores (Xunta)

Ademais de exercer unha gran presión sobre o sistema sanitario, o brote epidémico do novo coronavirus está poñendo a proba a todo o colectivo social, valedor de diferentes sistemas de protección que permiten garantir a asistencia a quen a precisa no lugar máis adecuado.

Nun contexto de crise como o actual, quen asume a tarefa de prestar esa atención especializada -traballadoras sociais, xerocultoras, auxiliares- alertan das dificultades que atravesan para asegurar os coidados das persoas máis vulnerábeis sen poñer en risco a saúde de todas. Así, urxen ás responsábeis da organización dos servizos sociais a ter en conta a necesidade de manter a asistencia de forma "urxente e coordinada".

"Non vai ser posíbel manter 100% da axuda no fogar", di Silvia Sanjurjo

Desde o Colexio de Traballo Social da Galiza, Silvia Sanjurjo defende a importancia de implementar canto antes accións de apoio entre as diferentes entidades do sistema de protección social para asegurar unha asistencia adaptada á nova realidade que nos toca vivir.

"Reclamamos un teléfono central e específico de asistencia social. É importante que a poboación e as profesionais poidan resolver as súas dúbidas, saber como vai mudando a situación, cales son os recursos dos que dispoñen e cales as necesidades de prevención e adaptación que requiren os seus servizos", sinala a Nós Diario. Nada pode seguir igual, afirma. "Cómpre fomentar a coordinación entre Xunta, Administracións locais e empresas co obxectivo de garantir uns servizos mínimos, protexidos e ben informados", recalca.

Atención no fogar

"Non vai ser posíbel manter 100% os Servizos de Axuda no Fogar (SAF)", explica, "por iso urxe regular os servizos mínimos a dispensar polas auxiliares de asistencia a domicilio". E tamén, di Silvia Sanjurjo, dotar as profesionais do material de protección necesario "equiparándoas ao persoal sanitario co fin de evitar a propagación do virus".

Na práctica, avogan por darlle primacía aos casos máis graves para garantir os coidados das persoas con maior grao de dependencia que non conten cunha rede de apoio. "A partir de aí deben ser as familias quen actúen", insiste Sanjurjo. "O sistema ten que axustarse e reforzar o coidado de quen máis o precisa. Outorgar prioridades e instrucións claras para que coordinadoras, empresas e auxiliares poidan seguir co seu labor".

Entre as demandas das profesionais que se moven a diario dun domicilio a outro está o material. Equipos de protección que a día de hoxe non están asegurados, e menos, inciden, para a frecuencia con que deberían renovarse.

"A situación é desoladora", afirma Ximena González, auxiliar de axuda no fogar no concello de Toén, na comarca de Ourense. "Sabemos que o risco cero non existe neste traballo pero cremos que se pode minimizar con material de prevención suficiente e cunha boa planificación que interrompa servizos prescindíbeis, de acompañamento e de limpeza, mentres dura a situación de emerxencia, e lle dea preferencia aos esenciais".

Desesperanza

Mais nada disto sucede, denuncia. A situación de desespero entre o persoal esténdese por toda Galiza. As coidadoras están en contacto e comparten historias que se repiten. Ademais da escaseza de máscaras -que xa comezan a poñer do seu peto-, luvas, batas e xeles de lavado, sinalan a falta de coordinación, que non axuda a transmitir a importancia real das medidas de protección. "As familias non toman en serio o risco de contaxio. Xunta e Concellos teñen pendente achegarlles unha información axustada á realidade galega, máis próxima, que incida nas medidas de hixiene e prevención básicas", engade Ximena González; quen reclama probas para todas as auxiliares, co fin de ter monitorizado un dos "vectores de contaxio fundamental". "Boa parte da poboación rural, enferma e avellentada está en mans das auxiliares de axuda no fogar, un asunto ben máis urxente que sacar o exército á rúa", conclúe.

Centros residenciais

Outra boa parte da poboación máis vulnerábel pasa a corentena en centros residenciais dependentes da Xunta ou do Consorcio Galego de Benestar. Residencias de maiores, de menores, de atención á dependencia e á discapacidade. As queixas e o temor tamén se estenden entre as súas profesionais.

Neste sentido, a CIG-Administración Autonómica vén de presentar unha denuncia ante Inspección de Traballo pola falta de protección, formación e información para evitar o risco de contaxio por coronavirus en centros de toda Galiza. O seu escrito responde as queixas de máis dunha trintena de residencias onde a "angustia" entre as traballadoras crece ante a falta de protocolos internos e o desabastecemento de material.

"Traballamos baixo mínimos e sen instrucións claras dirixidas ao persoal", comenta Manuela Gamallo desde o centro de maiores de Taboadela, na comarca de Ourense. "E xa sen material ningún", salienta Mar Peteira, presidenta do comité de empresa da Consellaría de Política Social. "Mesmo foi retirado pola dirección dos centros e gardado baixo chave, polo que quen traballa con residentes illadas por virus hospitalarios xa non dispón de protección especial requirido. Tampouco limpeza nin lavandaría. O risco de contaxio aumenta, pero tampouco fan proba ningunha", denuncia.

comentarios