Derrube no palco do Son do Camiño: Catro traballadores dados de alta e dous en prognóstico reservado

Os equipos de intervención confirmaron que foi necesario liberar un dos traballadores feridos polo derrubamento da estrutura.
Imaxes posteriores ao derrubamento do escenario coa chegada dos servizos de emerxencias. (Foto: Arxina).
photo_camera Imaxes posteriores ao derrubamento do escenario coa chegada dos servizos de emerxencias. (Foto: Arxina).

Ás 12.30 horas da mañá desta sexta feira, fontes do 112 Emerxencias da Galiza confirmaban a Nós Diario o derrubamento do escenario principal do festival O Son do Camiño, cuxo decorrer está previsto para a próxima semana no Monte do Gozo en Santiago de Compostela.

Varios traballadores encontrábanse no momento da caída no propio palco, ficando un deles atrapado na estrutura. Dous deles estaban en estado grave e permanecían en prognóstico reservado ao feche desta edición. Así o informou nun breve comunicado a organización do festival, no cal se indica que os servizos de emerxencia mobilizados evacuaron até seis persoas feridas. Os catro traballadores que se encontraban en estado leve foron dados de alta ao longo da tarde de onte.

O 112, após ter coñecemento dos feitos, puxo en marcha un dispositivo no cal interviñeron, ademais de persoal sanitario do 061, os Bombeiros de Compostela, a Policía Nacional e Local. Unha vez no lugar, os equipos de intervención confirmaron que foi necesario liberar un dos traballadores feridos polo derrubamento da estrutura.

Para coordinar os medios de intervención activados no operativo de actuación, a Xunta da Galiza activou o Plan de Emerxencias Territorial. 

Reaccións ao acontecido

O presidente da Xunta, Alfonso Rueda, publicou en Twitter unha mensaxe asegurando que "segue con atención" todas as informacións relacionadas co derrube do escenario principal do festival O Son do Camiño.

"Seguimos con atención todas as informacións e o dispositivo despregado no Monte do Gozo. Os servizos sanitarios están a coidar dos feridos nos hospitais galegos", manifestou o titular do Executivo galego. Con todo, dixo esperar que finalmente o festival poida ter lugar, aínda que matizou que non ten "ningunha información ao respecto".

Pola súa parte, a líder da oposición e portavoz nacional do BNG, Ana Pontón, trasladou a súa "preocupación" e mostrou os "mellores desexos" aos traballadores afectados para que teñan unha "rápida recuperación". 

Ademais, o secretario xeral do PSdeG, Valentín González Formoso, publicou unha mensaxe nas redes sociais en que trasladou a súa preocupación polo ocorrido. "O noso agarimo está cos feridos, desexámoslles unha pronta recuperación", indica.

A ministra de Traballo do Goberno español, Yolanda Díaz, tamén se pronunciou sobre o accidente. Díaz sinalou que segue con "preocupación" as implicacións do suceso de onte en Compostela. "Toda a nosa forza e agarimo están coas persoas feridas no accidente e coas súas familias", apunta.

Após coñecer o accidente, desde Comisións Obreiras avanzaron que se dirixirán á autoridade laboral co obxectivo de revisar as condicións en que se están a desenvolver os labores de montaxe dos escenarios do Son do Camiño. Aliás, desexaron a recuperación dos traballadores: "A saúde de todos os traballadores e traballadoras é a nosa principal preocupación nestes momentos".

Á espera da investigación

O festival O Son do Camiño está organizado pola empresa Esmerarte. Na súa páxina web defínense como unha "axencia creativa dedicada a conectar as marcas co seu público a través de experiencias". Ademais do Son do Camiño, Esmerarte tamén é a compañía organizadora de diferentes festivais de relevo no panorama galego como o Portamérica ou o festival Cultura Quente. 

Após o derrubamento do escenario principal, a organización do festival publicou na súa web un comunicado en que se podía ler: "As causas da caída do palco principal aínda son descoñecidas e estamos á espera da investigación. Informaremos puntualmente da evolución das seis persoas feridas no accidente a medida que recibamos os partes médicos. Publicaremos calquera información adicional a medida que estea dispoñíbel".

O cartaz desta edición do Son do Camiño conta con até 40 actuacións de diferentes artistas. Segundo as previsións, o recinto está preparado para acoller até 12.000 persoas durante os tres días de duración do evento. 

O Plan Territorial de Emerxencias da Galiza (Platerga) desactivouse ás 17 horas da sexta feira

A Xunta da Galiza decidiu desactivar o Platerga, que puxera en marcha após o derrubamento, por volta das 17 horas da tarde da sexta feira. Esta desactivación chegaba "despois da intervención de gran parte dos servizos de emerxencias que se desprazaron até o Monte do Gozo para solucionar a situación que se deu tras o accidente", segundo informou o 112.

Comentarios