domingo 19/09/21

Denuncian a morte dun traballador de Surexport en Castro de Rei e sinalan as condicións laborais abusivas

A produción intensiva de foitos vermellos na Galiza, dependente da empresa Surexport, vai asociada a unhas condicións de traballo extremas e insuficientes que levan tempo denunicando colectivos ecoloxistas e organizacións sindicais. O falecemento dun mozo de 25 anos a pasa sexta feira, na súa residencia provisional, volve pór o foco na precariedade.
Concentración o pasado 18 de agosto na Terra Cha para denunciar as prácticas laborais abusivas de Suresxport (Foto: Fruga).
Concentración o pasado 18 de agosto na Terra Cha para denunciar as prácticas laborais abusivas de Suresxport (Foto: Fruga).

Un empregado da empresa Surexport faleceu a pasada sexta feira, 20 de agosto, no lugar de residencia temporal situado no municipio de Castro de Rei.

A sección de Industria do sindicato CCOO en Lugo deu a voz de alarma e avanzou que pedirá unha investigación da morte deste traballador ao entender que hai consecuencias directas relacionadas coas súas funcións laborais.

O modelo laboral de Surexport foi condenado en máis dunha ocasión por colectivos ecoloxistas e sindicais como a CIG, Fruga ou Adega á vista do impacto negativo que ten tanto para o territorio como para a man de obra estranxeira que adoita empregar, cunhas condicións laborias moi precarias, a produción intensiva de froitos vermellos.

Un mozo romanés de 25 anos

Segundo os datos achegados polo sindicado, o falecido é un mozo de 25 anos procedente de Romanía, país do que chegan unha gran parte dos traballadores ás instalacións frutícolas que esta empresa posúe na Terra Chá.

CCOO Industria informou de que o mozo tiña unha enfermidade crónica, pero denuncia que as condicións de traballo "agravaron" a súa situación. "Faleceu na pensión onde viven despois de chegar de traballar na leira de O Arneiro (Cospeito) exposto á calor durante moitas horas. Non era a primeira vez que a enfermidade lle provocaba situacións límite, pero non se tomou ningunha medida", explicou José Luis López, responsábel de CCOO Industria de Lugo.

"Imaxino que a empresa se escudará en que a morte se produciu fóra do lugar de traballo, pero para nós non se trata dun falecemento natural", comenta José Luis López, quen asegurou que desde o sindicato van presentar unha demanda ante a autoridade laboral. "Se non se fai a investigación, queda como unha morte natural", sentenciou.

A empresa, con sede en Huelva, recoñeceu o falecemento do traballadormais ter chamado aos servizos de emerxencia ante a indisposición do mozo, cuxo cadáver se comprometeron a repatriar ao seu país de orixe.

Protestas

Este suceso aconteceu días despois de que varios sindicatos e organizacións denunciasen as prácticas "nefastas" da empresa. Tanto a nivel laboral como ambiental. "Os traballadores realizan longas xornadas laborais e están sometidos a moita tensión. Ademais, a maioría, pertence a colectivos vulnerábeis que veñen subsistir", apuntou José Luis López.

Segundo CCOO, o número de traballadores de Surexport na zona supera nestas "os 400". Unha ampla porcentaxe procede do estranxeiro, principalmente de países como Romanía ou do continente africano. "Despois do traballo teñen que buscar a vida para todo. Chegan ao lugar onde dormen -algúns sen acondicionar- e téñense que encargar da limpeza e de facer a comida. Todo despois de traballar doce horas diarias, sete días á semana e sometidos a moita presión", apuntou.

comentarios