Denunciarán no Parlamento galego o problema laboral na factoría viguesa de PSA

O BNG comprométese coas organizacións sindicais da CIG e a CUT en levar as reivindicacións e demandas á Xunta. 
Manuel Domínguez, Xabier P. Igrexas e Vitor Mariño (Nós Diario)
photo_camera Manuel Domínguez, Xabier P. Igrexas e Vitor Mariño (Nós Diario)

O BNG mantivo esta terza feira, 27 de outubro, un encontro cos responsábeis da CIG e CUT na factoría de PSA en Vigo, Manuel Domínguez e Vitor Mariño. No encontro participaron o portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas, e a través de medios telemáticos a deputada Carmela González.

Os sindicatos denunciaron que se está reducindo o tempo efectivo de descanso, que non se reduciu nin a carga nin o ritmo de traballo e que non hai transparencia na xestión do impacto da Covid-19 no cadro de persoal. Ademais, aseguran que máis de 60% do cadro de persoal está contratado a xornada parcial de 4 horas. González comprometeuse a trasladar estas demandas á Xunta no Parlamento galego. 

“Non é aceptábel que PSA pretenda atinxir producións de recordo a costa de limitar a eficacia das medidas preventivas e reducindo o tempo de descanso, que xa é o mínimo legal", aseguraba a deputada nacionalista.

O portavoz municipal nacionalista, Xabier P. Igrexas, lembrou que PSA “remoloneou á hora de reaccionar diante da pandemia xa na primeira onda”, sinalando que a factoría viguesa foi a última de todo o Estado en paralizar a produción o pasado mes de marzo.

Outro dos asuntos abordados foi o do elevado nivel de precariade laboral que se padece na factoría de Balaídos, onde segundo os sindicatos non se asina un contrato de xornada completa desde hai moitos anos.

O BNG denunciará estas problemáticas no Parlamento da Galiza a través dunha batería de iniciativas. Con elas procurarán que a Xunta, en tato que autoridade laboral, actúe vixiando o cumprimento das medidas preventivas, a adecuada xestión dos casos de contaxio e o estrito respeito aos tempos de descanso. 

“Demandaremos explicacións á Xunta e instaremos o Goberno galego a deixar de ollar a outro lado diante desta situación nun centro de traballo tan importante como PSA”, explicou González.

Comentarios