Denuncian ante a Xunta o despedimento dunha auxiliar de transporte escolar que foi 'acosada' por un condutor

CCOO pide unha investigación á Consellaría de Educación, que o cingue a un asunto de "índole laboral" e remítese a Inspección e á Xustiza.

Autobús da empresa Autocares Mejide. (Foto: Viaxeiros)
photo_camera Autobús da empresa Autocares Mejide. (Foto: Viaxeiros)

CCOO denunciou a Autocares Meijide ante a Consellaría de Cultura, Educación, FP e Universidades polo despedimento dunha auxiliar de acompañamento do transporte escolar que "durante meses" foi "vítima de acoso laboral" por parte dun condutor, até o punto de ter que solicitar unha baixa.

Segundo relata o sindicato nun comunicado, trátase dunha traballadora dun bus escolar do traxecto Rodeiro-Vilela-Rodeiro, na comarca do Deza. O comportamento "de acoso e vexacións persoais" que sufriría por parte do condutor xa fora posto en coñecemento da empresa, pero esta "adoptou a salomónica medida" de advertir a ambos de que se había algunha queixa no futuro "procedería ao despedimento dos dous".

Con todo, continúa CCOO, a actitude do condutor "mantívose igual", chegando mesmo "a mollar á traballadora cunha mangueira de auga" cando realizaba labores de limpeza do vehículo. Ademais, estes "excesos" do home afectaron ás crianzas usuarias do transporte, xa que no inverno circulaba "cos portelos abertos, a pesar das baixas temperaturas".

O sindicato ve "intolerábel" que se produzan estes episodios, pero "máis intolerábel aínda" é que a compañía decidise despedir a vítima "no canto de adoptar medidas disciplinarias co acosador". Por iso, reclama á Consellaría de Educación que abra unha investigación sobre este asunto e "proceda a actuar" contra a empresa.

“Tema de índole laboral”

Con todo, fontes da Consellaría de Transportes e Mobilidade alegan que é un "tema de índole laboral" e que, como tal, considera que debe dirimir a Inspección de Traballo ou, no seu caso, un xulgado do social.

Así e todo, a Consellaría "rexeita toda situación de acoso laboral" e espera que os feitos denunciados "se aclaren canto antes" e "diriman as responsabilidades que correspondan".

Comentarios