Denuncian a crecente privatización dos servizos de socorrismo

As entidades que representan o colectivo de socorristas alertan da falla de efectivos e de servizos eficaces. 
As asociacións que representan ao colectivo de socorristas admiten falta de efectivos de cara á tempada de verán nas praias (Foto: Carlos Castro / Europa Press).
photo_camera As asociacións que representan ao colectivo de socorristas admiten falta de efectivos de cara á tempada de verán nas praias (Foto: Carlos Castro / Europa Press).

Ás portas do inicio da campaña de verán na praias de Galiza, as entidades que representan ao colectivo de socorristas alertan de que nin son suficientes os efectivos, nin se deseñan os servizos con criterios de eficacia, e denuncian unha tendencia crecente á súa privatización.

A presidenta da Federación de Salvamento e Socorrismo de Galiza (Fessga), Nuria Rodríguez, recoñece que un dos principais problemas deste colectivo é que "non está regulado" profesionalmente. "Aínda que a Xunta regula a formación, non hai convenio colectivo nin unha norma que indique os criterios xerais de funcionamento, a duración da campaña, os efectivos ou recursos técnicos necesarios en cada lugar", lamenta.

Nesta situación, os concellos pequenos, que non teñen capacidade para contratar o servizo cos seus propios fondos, non poden planificar adecuadamente a atención nos areais do litoral e praias fluviais. Así, dependen da subvención que o Goberno galego outorga cada ano para poder contratar aos profesionais e, de feito, "a día de hoxe, aínda non saben cando e canto van recibir", denuncia.

Ademais, a presidenta de Fessga afirma que a Administración conseguiu "que esta profesión non sexa motivante", xa que para ser contratado con cargo á subvención da Xunta "tes que estar no paro, e logo traballas só dous meses", criticou. Isto provoca que se hai uns anos as persoas candidatas superaban o número de prazas ofertadas, agora "hai que buscar as socorristas até debaixo das pedras".

Tendencia á privatización

Pola súa banda, o presidente da Asociación de Socorristas Profesionais do Morrazo, Mauro Bernárdez, explica que, aínda que se ha avanzando en ámbitos como a formación, a falta de regulación profesional ou dun plan de xestión integral, provoca a tendencia á privatización dun servizo "que tería que ser público". "O ideal sería crear servizos integrais, como parte dos servizos de emerxencias que funcionan todo o ano, pero é moi difícil, porque a Administración non ten capacidade para asumir isto", lamenta.

Precisamente, a ausencia dun marco estábel e definido para este servizo leva a que os municipios contraten "moitas veces con criterios equivocados", critica, e máis que aterse a cuestións "como as bandeiras azuis" ou o número de areais, debe decidirse con criterios de "optimización e eficiencia".

Nese senso, explica que deberían ter deseñado un "dispositivo de riscos previsíbeis" para as campañas de verán nas praias, dado que as entidades locais teñen a obriga de manter a seguridade nos seus areais e zonas de baño acoutadas, "pero non todos o fan", admite.

Auxiliar de socorrista

Segundo apuntan as organizacións do sector, a Administración galega está a preparar un decreto para axilizar a contratación deste persoal por parte dos concellos e regular a formación e o desempeño do mesmo, que contempla a creación da figura de 'auxiliar' de socorrista.

Dita figura foi recibida con receo por parte dos colectivos profesionais. Así, a presidenta de Fessga cuestiona a súa eficacia como complemento das tarefas de socorrismo e salvamento, dado que "non pode rescatar nin facer curas", mentres que Mauro Bernárdez precisa que "se creou esa figura sen acordar" e, aínda que non a critica abertamente, pediu que se garanta "que non haberá intrusismo profesional".

Comentarios