Denuncian á multinacional Teleperformance por abusos no teletraballo

Salarios de 500 euros ou menos no que descontan as horas en que non hai conexión de internet foi o detonante da denuncia do comité de empresa desta multinacional. Os sindicatos emprenden medidas legais para defender os seus dereitos laborais.  
Protesta do persoal de Teleperformance A Coruña diante da súa sede antes do estado de alarma (Nós Diario)
photo_camera Protesta do persoal de Teleperformance A Coruña diante da súa sede antes do estado de alarma (Nós Diario)

O comité de empresa da multinacional Teleperformance na Coruña vén de anunciar accións após comprobar que se lle descontaban das nóminas o tempo que non estaban conectados por problemas informáticos

“Temos contratos de 25 horas con salarios de 400 e 500 euros que aínda por riba quiten da túa nómina 100 ou 150 euros”, explica a Nós Diario Tino Fernández, delegado da CIG no comité, “con estes salarios non podemos vivir”, engade.

A implantación do traballo no domicilio é a fórmula que adoptou a empresa para 90% do seu cadro de persoal, 4.700 traballadoras e traballores en todo o Estado español das que ao redor de 800 están na Coruña.

Pagar por traballar

O delegado da central sindical nacionalista relata que a Teleperformance implantou o teletraballo cando se anunciou o estado de alerta. “Houbo xente que tivo que mercar un computador para traballar”, asegura Fernández, “e se non tes os medios non che dá o teletraballo”. Para este sindicalista teñen que "pagar por traballar".

Segundo Fernández as condicións da empresa eran “A empresa implanta o teletraballo mais os custes pasan ás traballadoras e traballadores por ser nós quen temos que poñer os equipos, a conexión a internet, a luz e o domicilio”.

No propio documento que tiveron que asinar para poder acceder a teletraballar para Teleperformance explica o delegado da CIG que había unha cláusula que expresaba que “sen previo aviso a empresa podía aparecer no teu domicilio para inspeccionar o teu posto de traballo, algo que consideramos ilegal”.

Aproveitar as circunstancias

“A empresa está aproveitando para implantalo de maneira definitiva en moitas campañas que serían só de teletraballo sen negocialo nin tratalo coas organizacións do persoal”, asegura Tino Fernández a Nós Diario, “sáltanse todos os procedementos que se estabelecen no Estatuto das Traballadoras”.

Para Fernández esta situación “é un caso claro de aproveitamento dunha emerxencia sanitaria no propio beneficio da empresa”. É consciente que o teletraballo disemina ao persoal que traballa na empresa e “a falta de unidade para levar adiante a loita contra estas explotacións e abusos das empresas”.

Comentarios