Denuncian "represión sindical" nunha residencia de Outeiro de Rei

Catro traballadoras da empresa Geriatros foron despedidas no marco das eleccións sindicais.

15-06-30 Concentracion Geriatros Outeiro Rei7.grande
photo_camera [Imaxe CIG]

A Confederación Intersindical Galega (CIG) denunciará pola vía xudicial o despedimento de 4 traballadoras da empresa Geriatros que xestiona a residencia de persoas idosas de Outeiro de Rei (Terra Chá). 

A dirección do centro puxo na rúa as operarias no marco das eleccións sindicais, un feito que para a central sindical nacionalista constitúe un caso de "represión sindical" ao se tratar de persoas candidatadas pola CIG. Aliás, os feitos repetíronse na residencia de Viveiro, xerida tamén pola mesma entidade. 

E é que, un dos despedimentos producíuse un día despois da concentración convocada para denunciar o acontecido. "Entendemos que non responden a ningunha causa obxectiva", sinalan nun comunicado de imprensa, polo que para alén da denuncia que presentarán nos xulgados veñen de solicitar unha xuntanza coa delegada territorial da Xunta. 

Neste senso, Geriatros conta con concertos públicos "através de cheques asistenciais" polo que, segundo a CIG, as empresas coas que mantén esta relación "non poden ter estas prácticas que vulneran dereitos fundamentais recollidos na Constitución española". 

"Unha administración pública non pode actuar ao marxe de prácticas empresariais que vulneran dereitos fundamentais", subliñan.  

Comentarios