Denuncian "represión sindical" nunha residencia de Lugo polo despedimento de 3 traballadoras

Unha das despedidas encabezaba a lista da CIG para as primeiras eleccións sindicais que se van realizar en san Vicente de Paúl, rexido por unha congregación relixiosa (Fillas da Caridade) e conveniado coa Consellería de Política Social

non á represión sindical

Tres traballadores despedidos no centro residencial San Vicente de Paúl, en Lugo, segundo a dirección por causas disciplinarias. Mais os sindicatos non acreditan nesa razón e falan, como CIG-Ensino, de “ un caso claro e contundente de represión sindical”. Explican que  a coidadora despedida é a persoa que encabeza a candidatura da CIG  para as eleccións sindicais  que se van facer por  primeira vez  no centro  o día 29 de maio.

CIG-Ensino denuncia que o 28 de abril, “despois de varios días de presión psicolóxica”, a dirección deste centro entregoulle a carta de despedimento a tres traballadoras: unha coidadora  e dúas enfermeiras.

Dende o momento  no que se efectuou  o preaviso de eleccións sindicais  no centro, afirma este sindicato, “a presión  psicolóxica e as  prácticas represivas exercidas  sobre os traballadores fanse máis  patentes  e son o pan de cada día no centro”.

O centro está rexido por unha congregación relixiosa (Fillas da Caridade), está conveniado  coa Consellería de Política Social, e recibe cartos públicos para o seu funcionamento.

Esta cuarta feira, 10 de maio, ás 11:30,  hai unha concentración diante do  Centro en solidariedade coas traballadoras despedidas.

Comentarios